Skip to main content

Innovación e Industria colaborará coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores para a creación dunha web sectorial da pesca e o marisqueo de Galicia

A Consellaría de Innovación e Industria achegará os 14.750 euros necesarios para que a Federación Galega de Confrarías de Pescadores (FEGACOPE) desenvolva e implante un portal web sectorial da pesca e o marisqueo de Galiza, co fin de crear un contorno informativo coas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e axeitado ás necesidades e características dos axentes implicados no sector. Así o establece o convenio que asinaron en San Caetano o conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, e o presidente de FEGACOPE, Evaristo Lareo Viñas.

O novo portal permitirá ao sector estar informado en tempo real de canto aconteza no mundo da pesca, dende a meteoroloxía ata cartografía, normativas, vendas, estatística, censos, ofertas e demandas de emprego nos distintos portos, formación on-line, etc. Asemade, porase en marcha unha Intranet para servizo de atención on-line para as confrarías e nun segundo nivel para as embarcacións que leven comunicación satélite a bordo ou calquera outro tipo de tecnoloxía que permita a conexión a Internet.

O acordo asinado insírese nos obxectivos da Consellaría de Innovación e Industria, no ámbito das competencias relacionadas coa sociedade da información, en dotar o sector pesqueiro e marisqueiro galego de ferramentas axeitadas e innovadoras para a adquisición e tratamento da información e que permitan a prestación de servizos avanzados on-line, como base para a modernización e profesionalización do sector. Pola súa banda, FEGACOPE tamén considera imprescindible a difusión dos seus servizos a través das ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías da comunicación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia