Skip to main content

Galicia é a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha as probas para a obtención dos certificados de profesionalidade

Coa intención de dar resposta a esta importante e crecente demanda social, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, será a primeira comunidade que vai a poñer en marcha as probas de obtención dos certificados de profesionalidade.

Nese senso, a expedición deste certificado permitirá ao traballador dispoñer dunha certificación oficial e con validez a nivel nacional, que acredite a súa competencia profesional, independentemente do camiño empregado para a súa adquisición, e dicir, ben fora a través da realización de cursos de formación profesional ocupacional, continua, escolas obradoiros, obradoiros de emprego ou de casas de oficios ou por outra banda, a través da experiencia laboral, que se tivo que realizar de forma interrompida ou alterna nun período de 10 anos.

En definitiva, trátase de recoñecer ás persoas aquelas competencias que xa posúen co fin de certifica las oficialmente e paliar un dos problemas de un gran número de traballadores galegos como é o feito de que a pesar de ser grandes profesionais non posúan unha acreditación oficial da súa cualificación. Segundo as previsión do departamento que dirixe Ricardo Varela estímase que dous de cada tres traballadores en activo carece dunha acreditación oficial da súa competencia profesional.

As probas levaranse a cabo en catro centros de formación, así no Centro Nacional de FPO de Santiago de Compostela convocaranse as probas para obter os certificados de traballador forestal e xardineiro; no centro de Coia- Vigo, poderanse validar as ocupacións de chapista pintor de vehículos e axustador mecánico; no centro de FPO de Lugo, levarase a cabo as probas para mecánico de vehículos lixeiros e, por último, no centro de FPO Santa María de Europa en Ourense, convocaranse as probas para torneiro-fresador.

O aspirante a participar nas probas de certificación deberá cumprir unha serie de requisitos sobre, nacionalidade, idade, acreditación de atoparse nalgunha das vías de acceso recoñecidas, solicitude de inserción e abono dunha taxa, da que están excluídos os traballadores desempregados.

Posto que un certificado de profesionalidade componse dun número determinado de unidades de competencia, os interesados poderán realizar a súa solicitude para todas as unidades de competencia ou ben nas que considere que está capacitado para superar as probas.

Cando un candidato supere as probas correspondentes a todas as unidades de competencia vixentes nun certificado de profesionalidade, expediráselle o correspondente certificado nesa ocupación. No caso de superar unha ou varias unidades de competencia que compoñen o certificado, poderase acreditar a suficiencia parcial deste, mediante créditos ocupacionais.

As persoas interesadas en participar nas probas para a obtención dos certificados de profesionalidade poderán obter máis información na páxina web de traballo (http:/traballo.xunta.es).

Dende a Consellería de Traballo apostase por este tipo de iniciativas que se enmarcan dentro das directrices da Unión Europea encamiñadas á necesidade de que os países membros dispoñan de sistemas de certificacións profesionais, que permitan recoñecer as competencias profesionais acadadas polos traballadores a través de diferentes vías ao longo da súa vida laboral.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia