Skip to main content

A nova web galiciaaberta.com consolida un novo xeito de relación coa emigración

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, presentou a nova imaxe e os novos contidos da páxina web galiciaaberta.com, plataforma a través da que se resolve a relación on line do Goberno galego coa emigración, os galegos e galegas retornados, e a inmigración. O portal busca erixirse nunha plataforma tendente a constituír un novo modelo de relación coa Galicia exterior asentado nas vantaxes que ofrece a sociedade da información, e que deveña, en último termo, nunha relación, entre administración e cidadán, máis inmediata, áxil e verdadeiramente eficaz.

Outro dos obxectivos de galiciaaberta.com, segundo sinalou Manuel Luís Rodríguez, é promover “unha maior participación de todos os colectivos de galegos e galegas no exterior de forma que perciban unha administración renovada, próxima e adaptada ás súas necesidades”. O acceso, en tempo directo, aos programas sociais e culturais, ás liñas de axuda, iniciativas e demais actividades públicas impulsadas dende o Goberno galego, e a potenciación da comunicación e o diálogo entre as propias comunidades galegas no exterior e as asociacións de retornados e inmigrantes constitúen outros dos fins cos que arranca o portal na nova etapa.

Baixo a necesidade de achegarse ás novas xeracións de galegos e galegas no exterior, a fin de implicalos no tecido asociativo, así como potenciar a alfabetización dixital do colectivo de maiores, especialmente o susceptible de exclusión social, a plataforma presentada hoxe incorpora novos servizos e novos contidos, sobre unha nova imaxe gráfica, máis actual, eficaz e accesible. Entre os servizos de recente creación está a guía do retorno on line, que responde a todos aqueles interrogantes e inquedanzas que no eido do retorno se fan os galegos que nalgún momento sopesan regresar a Galicia.

Os bloggs de opinión, como foros de transmisión de opinións, información e coñecementos constitúen outras das novidades do portal, ofrecendo espazos plurais dende os que afrontar a análise dos fenómenos migratorios xa dende os eidos económico, psicolóxico ou político.

Rexistro Voluntario on line

Os contidos culturais e tecnolóxicos, e de servizos e de documentación, completan unha oferta que alcanza 40 funcionalidades diferentes, ás que se irán engadindo en próximas datas novos contidos. Entre eles, o secretario xeral de Emigración citou, como elemento máis destacado, o Rexistro Voluntario on line dos cidadáns galegos no exterior, que estará dispoñible a finais de setembro. Trátase dun “proxecto estratéxico para a emigración en tanto que aportará datos esenciais de cara á definición de programas que se axusten ás necesidades reais manifestadas polos emigrantes”. O Rexistro, asemade, aspirará a coñecer coa maior precisión posible o número real de cidadáns galegos residentes no exterior.

A tramitación on line dos programas sociais e culturais da Secretaría Xeral de Emigración, que no momento actual, dende a unidade física do departamento, acada o número de 25, representa outros dos obxectivos a conseguir no horizonte do próximo ano.

Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia