Skip to main content

A Xunta aproba o Plan de Recuperación Forestal e Ambiental de Galicia que investirá 126 millóns de euros e actuará sobre 200.000 hectáreas

O Consello da Xunta aprobou o Plan de Recuperación Forestal e Ambiental de Galicia que entre este ano e 2009 investirá 126 millóns de euros no desenvolvemento dun conxunto de actuacións integrais sobre 200.000 hectáreas.

Así o anunciou o máximo mandatario galego, Emilio Pérez Touriño, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta na que explicou que o plan concreta catro grandes eixes de actuación: planificación forestal e ordenación do medio rural; valorización do monte galego e mellora da súa estrutura; rexeneración de hábitats, restauración hidrolóxica e renovación de infraestruturas ambientais e infraestruturas e equipamento para a intervención en emerxencias.

Dentro do primeiro epígrafe, o xefe do Executivo autonómico salientou a aprobación dun programa urxente que impulsará a creación de franxas de protección de núcleos rurais e do interface urbano-forestal. O plan está dirixido, en primeiro lugar, a acometer a limpeza dos cintos de seguranza nos contornos de 3.000 núcleos rurais, “para blindalos das masas arbóreas e do perigo inmediato de incendios”. E, en segundo lugar, pretende actuar en núcleos do interface urbano-rural pois, como indicou o presidente, “a tipoloxía de incendios que acabamos de padecer marca un novo tipo de incendios que claramente impactan nesa zona delimitada entre urbano e forestal onde pretendemos actuar no entorno de 18.000 hectáreas”.

Valorización do monte

Pérez Touriño destacou que o segundo eixe pretende pór en valor o monte e mellorar a súa estrutura, o que cualificou de “fundamental”. Segundo explicou, o obxectivo das medidas recollidas neste epígrafe é recuperar a cuberta forestal danada polos incendios, para o que se prevé traballar na recuperación de entre 40.000 e 50.000 hectáreas, “que se corresponden coa masa arbórea que se queimou”.

Asemade, impleméntanse medidas de loita contra a erosión do solo que están a ser discutidas nun comité científico asesor coordinado pola Consellería de Medio Ambiente que está a elaborar un mapa de zonas en risco de erosión que se prevé estea rematado en novembro. E explicou que se fomentará o uso de especies caducifolias, de alto valor económico e sustentables ambientalmente.

Dentro deste segundo eixe de actuación, o presidente remarcou o deseño do programa de xestión de retirada da madeira queimada. O presidente, que indicou que se prevé retirar dos montes ao redor de 5,5 millóns de metros cúbicos de madeira, explicou que en breve se convocará á Mesa da Madeira para fixar criterios comúns e un sistema de prezos razoable para esa madeira, ao tempo que sinalou que no caso de non ter a industria galega capacidade para absorber esa cantidade de madeira xa se traballa con outras comunidades para que se fagan cargo do sobrante.

Rexeneración de hábitats, restauración hidrolóxica e renovación de infraestruturas

No terceiro epígrafe, Pérez Touriño fixo fincapé en que se porán en marcha actuacións en 5.000 hectáreas de masa arbórea “onde se concentrarán esforzos”. Ao respecto, explicou que se porán en marcha tres liñas de traballo: conservación de solos, restauración hidrolóxica e protección da calidade das augas; protección da franxa de dominio público marítimo-terrestre e a recuperación e rexeneración de hábitats e espazos da Rede Natura 2000 dentro da cala se calculan que o obxectivo da reparación son 3.500 hectáreas.

Finalmente, explicou que o Plan hoxe aprobado contempla un cuarto epígrafe sobre infraestruturas e equipamento para a intervención en emerxencias dotado con 27 millóns de euros. Nel, desenvólvese o Plan de dotación de infraestruturas, que inclúe a creación de 11 parques comarcais de bombeiros (3 na provincia da Coruña; 3 na de Lugo; 2 na de Ourense e 3 na de Pontevedra), a dotación de vehículos de primeira intervención a concellos que non teñan parques (50 vehículos rurais e 20 semiurbanos), a dotación de equipamento ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil e a construción dunha rede de helisuperficies, que incluirá 14 con operatividade durante as horas de día e 8 con operatividade as 24 horas.

O presidente puntualizou que as medidas de reformulación do sistema de loita contra os incendios e do sistema de resposta a situacións de emerxencia se acometerán nos vindeiros meses, polo que as excluíu das medidas hoxe aprobadas dentro do plan.

Axudas

Emilio Pérez Touriño explicou que o Consello da Xunta acordou autorizar a Consellería de Economía para que adopte as medidas financeiras oportunas para a posta en marcha das ordes que desenvolven o decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolou Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso. O xefe do Executivo indicou que o DOG publicará estas ordes a vindeira semana, polo que os cidadáns e empresarios afectados pola vaga de incendios poderán acceder ás axudas deseñadas.

A este respecto, subliñou que o Goberno galego porá en marcha unha liña telefónica para que os cidadáns poidan consultar toda a informacións sobre os seus dereitos e a documentación requirida para solicitar as axudas. E adiantou que se habilitarán as xanelas da Xunta nos concellos galegos para que os interesados poidan presentar esta información.

O presidente considerou finalmente que a crise vivida este mes de agosto puxo de relevo que o modelo de loita contra incendios “cumpriu un ciclo” e está “esgotado” polo que adiantou que o Goberno galego impulsará no Parlamento e coa Fegamp un proceso de concertación e diálogo para reformular tanto o operativo de extinción de incendios como a lei de emerxencias de Galicia e as políticas forestal, territorial e urbanística.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia