Skip to main content

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Escola Superior de Cinema e Audiovisuais de Cataluña abren a convocatoria do curso de Dirección de Fotografía

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Escola Superior de Cinema I Audivisuals de Catalunya (ESCAC) abriron a convocatoria para o curso de Dirección de Fotografía Cinematográfica, que ten lugar do 2 ao 15 de outubro na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

O curso, dirixido principalmente a directores de fotografía, axudantes e operadores de cámara, combina clases teóricas e a realización de prácticas de rodaxe con equipos de iluminación e cinema, tanto en platós de rodaxe como en exteriores. A iniciativa, froito dun convenio de colaboración asinado no pasado mes de xullo entre o Consorcio Audiovisual de Galicia e a ESCAC, ten unha duración de case 100 horas lectivas.

Tres módulos diferenciados

O curso consta de tres módulos diferenciados. O primeiro, de carácter teórico, será impartido polo prestixioso director de fotografía Tomás Pladevall, que recibiu o premio Prisma AEC 1998 pola longametraxe “Tren de Sombras”, de José Luis Guerín. Actualmente é membro e consultor da Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas de España e da EFA (European Film Academy). Ademais é asesor da Filmoteca de Catalunya para temas de laboratorio na restauración e preservación fotoquímica e dixital dos seus arquivos.

O segundo dos módulos do curso consistirá no traballo práctico dos participantes con equipos profesionais de rodaxe, tanto de cinema en 35 mm, como de iluminación, probando diferentes emulsións de películas, filtros e distintos parámetros de iluminación, para obter distintos resultados.

A terceira parte do curso terá lugar na mañá do día 28 de outubro, xa coas películas reveladas, coa celebración dunha sesión de resultados na que se realizará un visionado comentado do negativo revelado e telecinado.

Colaboracións

Para a organización deste curso o Consorcio e a ESCAC contan coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, que ofrecerá os seus platós de cinema e televisión, así como outras instalacións.

A ESCAC (Escola de Cine e Audiovisuais de Cataluña) é un centro docente, adscrito á Universidade de Barcelona e participado polo ICIC (Institut Catalá de les Indústries Culturals), que foi clasificada como unha das mellores escolas de cine e audiovisuais do mundo, segundo as prestixiosas revistas do sector “The Hollywood Reporter” e “Premier”. Este centro de formación conta con profesores de alto prestixio nacional e internacional en activo. A ESCAC e a súa produtora ESCANDALO FILMS, gañaron máis de 300 premios internacionais cos traballos realizados polos seus alumnos; destacando o Sol de Prata do Festival de Cine Publicitario de San Sebastián e o premio á mellor curtametraxe internacional outorgado polo Festival de Sundance 2006.

Convenio

O convenio asinado coa ESCAC encádrase no marco das relacións constantes que mantén o Consorcio Audiovisual de Galicia coas institucións máis importantes no eido audiovisual nos sectores nas que estas son punteiras e que en Galicia non existen ou non están desenvolvidos. O Consorcio pretende deste xeito mellorar a capacitación profesional e incorporar de forma inmediata aos profesionais galegos do audiovisual ao mercado laboral.

Coa realización deste curso séguese a traballar no plan de formación para o ano 2006. Deste xeito, e no marco deste plan, o día 5 de setembro dará comezo un curso de dobraxe, en nivel de perfeccionamento, e o día 11, un curso de voz, obradoiros para os que se recibiron máis de 150 solicitudes de inscrición. En outubro dará comezo outro curso de iniciación á dobraxe, ademais deste de dirección de fotografía. Xa no mes de novembro realizarase un curso de inglés audiovisual.

Todas aquelas persoas interesadas nalgunha destas iniciativas poderán obter máis información na páxina web do Consorcio Audiovisual de Galicia (www.consorcioaudiovisualdegalicia.org), ou no teléfono 981.545.063.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia