Skip to main content

O Igape facilitará a emprendedores a obtención de préstamos a tipos de xuro preferentes e co aval das SGR galegas

Os emprendedores que decidan implantar as súas iniciativas en Galicia poderán dispor de préstamos en condicións preferentes e avalados polas sociedades de garantía recíproca galegas -Afigal e Sogarpo-. Será a través da nova liña de financiamento que creará o Igape a partir do convenio coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca galegas que autorizou onte o Consello da Xunta. Achegando compensacións por custos e xestión das operacións financeiras tanto ás entidades financeiras colaboradoras como ás SGR, o instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda fará posible a concesión de préstamos por contías entre 25.000 e 120.000 euros en condicións moi favorables: prazo de amortización entre 5 e 7 anos, incluíndo un ano de carencia, con xuros definidos polo Euribor a seis meses+un tipo adicional de 0,25 puntos. Para o segundo semestre de 2006, o xuro nominal será do 3,30%. Por outra banda, nin as entidades financeiras nin as SGR cobrarán comisións aos beneficiarios.

Esta liña de apoio ponse en marcha como consecuencia dunha das carencias detectadas a través do Foro Galego do Emprendemento impulsado polo Igape, a referida á necesidade de apoiar o financiamento dos proxectos emprendedores desde a súa xestación, e facelo principalmente mediante o achegamento de garantías que lles faciliten o acceso ao financiamento necesario. Mediante esta liña de apoio, o Igape habilita unha nova vía de financiamento para apoiar a cultura do emprendemento e a implantación de proxectos promovidos por emprendedores, que adoitan atopar importantes dificultades para financiar os seus proxectos, principalmente polos problemas na achega de garantías ou polos custos de xestión que teñen este tipo de operacións.

Adquisición de dereitos de pesca

No ámbito de colaboración para a atención e especiais necesidades sectoriais, o Igape asinará coas entidades financeiras colaboradoras un convenio que establece unha liña de avais para financiar a adquisición de dereitos de pesca (caladoiros do Atlántico Nordeste-NEAFC) por parte de armadores particulares ou por agrupacións de produtores que buscan deste xeito consolidar e potenciar a rendibilidade da súa actividade económica. A contía máxima de préstamos avalados ao abeiro deste convenio tamén autorizado hoxe polo consello da Xunta e de 30 millóns de euros.

A liña de avais habilitada mediante este convenio, que estará en vigor ata 31 de decembro de 2007, servirá para o financiamento de operacións de adquisición de dereitos de acceso aos caladoiros nás seguintes modalidades: dereitos para o acceso directo ás pesquerías; adquisición de busques que teñan acumulados dereitos de acceso ás citadas pesaquerías; ou adquisición da totalidade do capital social de sociedades mercantís que teñan como único inmobilizado buques que gocen de dereito de acceso ás pesqueirías da NEAFC. A frota que traballa nesta zona destaca pola súa importancia en aspectos como a súa capacidade de abastecemento de produtos pesqueiros de gran consumo, así como pola gran relevancia que ten dentro do tecido socioeconómico galego, xa que en boa parte ten a súa base nos portos de Galicia.
Gabinete de Comunicación do Igape (Consellería de Economía-Xunta de Galicia)