Skip to main content

36 mulleres e os seus fillos participaron no programa de estancias de tempo libre desenvolvido polo SGI

O programa de estancias de tempo libre para mulleres con fillas e fillos exclusivamente ao seu cargo promovido polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (SGI) e polo Instituto de la Mujer contou neste ano 2006 con 36 mulleres que xunto cos seus fillos (30 nenas e 31 nenos con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos) pasaron 10 días nun hotel da costa mediterránea.

As 36 participantes foron seleccionadas entre as 118 solicitudes presentadas. Compartiron xunto cos seus fillos e fillas 10 días de programa coa finalidade de poder convivir con outras mulleres en iguais circunstancias nun entorno de ocio, apropiado para que tanto nais coma fillos reflexionaran sobre a percepción sexista do mundo e tenten modificala nun futuro.

A estancia tivo lugar na primeira quincena de xullo e supuxo para as participantes un tempo e espazo lonxe da súa situación cotiá. Neste marco, as 4 monitoras especializadas en tratamento de situacións de violencia de xénero que acompañaron ao grupo desenvolveron un programa de actividades lúdicas, informativas e culturais adaptadas tanto para as nais como para os seus fillos.

Foron varias as empresas privadas que quixeron colaborar desinteresadamente co Servizo Galego de Igualdade. Así, PSA Citröen, Begano S.A., Gadisa, Mercadona, R e Caixa Nova aportaron material para o desenvolvemento dalgunhas das actividades.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia