Skip to main content

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación Aisge organizan un curso de iniciación á dobraxe

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE abren a convocatoria para o Curso de Iniciación á Dobraxe, que ten lugar do 3 ao 27 de outubro. Trátase dun curso dirixido principalmente a actores e actrices que desexen un achegamento a esta técnica para autodobrarse nas producións que o requiran.

Neste curso, eminentemente práctico, os asistentes partirán dun repaso pormenorizado do “traballo en sala” e mediante unha avaliación individual, atallaranse as dificultades que cada un dos participantes presente no desenvolvemento desta técnica. O curso constará de dous módulos: 80 horas de técnica de dobraxe e 10 horas de voz.

O titor deste curso será Luis Iglesia, actor con experiencia no teatro, TV e cine, e que dende o ano 1987 traballa como actor e director de dobraxe, impartindo ou participando como convidado en diversos cursos de dobraxe e locución. O obradoiro contará tamén con Marta Pinillos Manrique de Lara, logopeda e foniatra especialista en problemas de voz e as súas complicacións na fala, que impartirá o módulo de voz.

Plan de Formación Actoral

Coa realización deste curso séguese a traballar no Plan de Formación Actoral para o ano 2006, como exitosa continuación do desenvolvido no ano 2005. No marco deste plan, da comezo un curso de dobraxe, en nivel de perfeccionamento, e o día 11, un curso de voz. Para ambos os obradoiros xa se recibiron máis de 150 solicitudes de inscrición. Ademais, realizaranse un curso de inglés audiovisual no mes de novembro para actores e outros profesionais do sector audiovisual como produtores e axentes de vendas.

Para a organización destes cursos o Consorcio e AISGE contan coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Os cursos de dobraxe celebraranse na Sala de Dobraxe da facultade, onde o alumnado terá á súa disposición todos os medios e recursos necesarios para o desenvolvemento das clases.

Para o desenvolvemento deste plan, Consorcio e Fundación asinarán un convenio de colaboración no que se prevé o patrocinio, por ambas as dúas partes, de tódolos cursos e obradoiros contemplados no mesmo e que serán organizados conxuntamente. Con este plan o Consorcio completa as súas accións formativas de cara ao sector actoral galego. Aquelas persoas interesadas poderán obter máis información na páxina web do Consorcio (www.consorcioaudiovisualdegalicia.org), ou no teléfono 981.545.063.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia