Skip to main content

A Xunta segue a despregar todos os recursos operativos necesarios para facer fronte ao vertido tóxico do río Umia

O Goberno galego segue a despregar todos os recursos operativos necesarios para facer fronte ao vertido tóxico do río Umia, provocado polo incendio dunha empresa de produtos químicos en Caldas de Reis. Así o salientou o conselleiro de Medio Ambiente ante os medios de comunicación, logo de reunirse, xunto coa conselleira de Pesca, co presidente galego, Emilio Pérez Touriño, con quen analizaron como está a evolucionar a situación.

O titular de Medio Ambiente salientou que o Goberno da Xunta está a abordar a situación “con total transparencia”, en permanente contacto e colaboración con todas as administracións implicadas e os sectores afectados. Manuel Vázquez agradeceu, neste sentido, a colaboración e implicación das administracións, empresas e sectores.

Nesta liña, tamén lembrou que se vai reunir co presidente da Deputación Provincial de Pontevedra e cos alcaldes dos municipios afectados co obxectivo de darlles “cumprida conta” de todos os datos dispoñibles a cada momento. “Queremos abordar este tema con absoluta transparencia” para que “teñan coñecemento de todo o que está pasando”, asegurou Manuel Vázquez.

Contención da auga nos diques

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o titular de Medio Ambiente salientou que durante a xuntanza co presidente da Xunta, tanto a titular de Pesca coma el tiveran a oportunidade de analizar co presidente a situación do río Umia, lembrando que, desde o venres a mediodía cando se produciu o accidente, o máximo mandatario galego estivo ao tanto da situación e seguiu a súa evolución.

Manuel Vázquez explicou aos medios que o obxectivo da Consellería que dirixe neste momento é seguir contendo a mancha no primeiro dique do río. Ao seu carón hai unha “inmensa piscina” na que o departamento autonómico puxo “todos os sistemas de decantación e depuración” da auga.

Segundo explicou o conselleiro, unha vez que a auga pase polo dique analizaríase para ver como entra e sae. Se a auga sae en boas condicións, derivarase cara a canle natural do río. Do contrario, pasaríase a unha primeira cubeta para almacenala e sometela a novos tratamentos.

De todos xeitos, hai previstos un segundo e un terceiro diques, para liberar a auga de carga tóxica, por se fosen necesarios.

O conselleiro de Medio Ambiente, non obstante, amosouse optimista porque, segundo sinalou, xa onte á noite “o PH da masa da auga pasou do 2,2 ata o 4,4, e dicir xa empezamos a ter unha masa de auga con un PH que se empeza a aproximar ao ideal, que é por enriba de 6”, argumentou.

Abastecemento

Así mesmo, Manuel Vázquez lembrou que outro dos obxectivos principais do Goberno galego nestes momentos é construír unha tubería de 17 quilómetros de lonxitude para poder abastecer de auga á poboación de Vilagarcía. “Onte á noite tiñamos explanado os 17 quilómetros de río para tender a circulación que vai abastecer a auga”, sinalou o conselleiro, recoñecendo que existe “unha dificultade loxística” que é traer o tubo necesario ata Galicia.

Para superar este obstáculo, o conselleiro sinalou que se celebrou unha reunión entre as empresas, a Garda Civil de Tráfico e a Dirección Xeral de Transportes para establecer un “operativo de transporte de tubo” desde diversos puntos de España que permita solventar o problema. De ser preciso, segundo salientou Manuel Vázquez, incluso podería actuar para o transporte do tubo os transportes especiais do exército. “Para nós –argumentou- un dato moi importante sería de hoxe en 48 horas poder ter rematado o abastecemento polo menos, ata Vilagarcía”.

Técnicos de pesca

Ademais dos efectivos da Consellería de Medio Ambiente, desde o departamento de Pesca tamén está a realizar un continuo traballo de mostreo en auga e en produto para garantir un perfecto estado dos bancos marisqueiros.

Segundo explicou a titular deste departamento autonómico, Carmen Gallego, nestes momentos a Consellería de Pesca ten desprazadas á zona arredor de 60 persoas, entre efectivos de inspección pesqueira e gardacostas, biólogos e asistencias técnicas.

O obxectivo é realizar un programa de analíticas “intenso” e seguir a manter reunións co sector pesqueiro e marisqueiro, salientou Carmen Gallego, lembrando que á fronte deste operativo está o director do Intecmar e o director do Centro de Investigacións Mariñas que “irán informando puntualmente ao sector de calquera incidencia que puidera ocorrer”.

Mariscadoras traballando con normalidade

Na mesma liña, a titular de Pesca lembrou que tras un peche cautelar dunha "pequena zona" próxima á desembocadura do río Umia, xa se levantou a prohibición e reanudáronse os labores de marisqueo, polo tanto, as mariscadoras da zona puideron traballar hoxe con total normalidade.

Control das empresas

Por último, Manuel Vázquez salientou que a Consellería que dirixe deu conta ao fiscal medioambiental da situación para que realice a investigación pertinente e dite as medidas oportunas respecto á empresa de produtos químicos que provocou o vertido.

“Medioambientalmente esa empresa nunca debería estar aí”, argumentou Manuel Vázquez, lembrando que o departamento autonómico que dirixe traballará arreo para garantir que ningunha empresa destas características ou similares se instale en zonas como a de Caldas de Reis. É preciso “reflexionar sobre que hai determinadas empresas que non se poderán situar en determinadas zonas”, sinalou, lembrando que a Xunta esixirá cada vez máis garantías a empresas destas características.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia