Skip to main content

O director xeral para o Deporte destaca que o Ferrolterra Pantín Classic mostra unha Galicia moderna e áxil

A XIX edición do Ferrolterra Pantín Clasic, que ten lugar entre os días 7 e 10 de setembro, foi presentado na Dirección Xeral para o Deporte, patrocinadora dun evento que reúne a centos de surfeiros no Concello de Valdoviño.

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, destacou o traballo do club organizador, que favorece a participación de deportistas galegos nesta competición internacional: “É de agradecer ese esforzo para apoiar a base galega. É unha grande idea que os nosos surfeiros poidan participar e se lles dean todas as facilidades, xa que esa é a forma de elevar o nivel do noso deporte de base”.

Pola súa parte, o presidente do Océano Surf Club, Jesús Busto, destacou que esta proba é tamén “un escaparate para a difusión dunha Galiza moderna e nova, do século XXI“. Precisamente, esa é unha das características que o máximo responsábel do deporte galego destacou que “esta proba permite mostrar ao exterior unha Galiza moderna, sorprendente e áxil. En Galiza contamos cos medios necesarios para organizar actividades deste tipo e por iso animo a todo o mundo a achegarse a Pantín para ver aos mellores surfeiros do mundo”.

A alcaldesa de Valdoviño, Concepción Sanesteban, felicitou ao club organizador pola súa historia e destacou que para o seu municipio “ademais do valor deportivo que ten, esta proba ofrece unha gran pantalla cara ao mundo. Ademais, cada vez son máis os nenos e nenas que practican este deporte nas nosas praias”.

A día de hoxe hai 120 participantes inscritos, aínda que a organización confía en que se poidan alcanzar os 200 xa que o prazo de inscrición segue aberto. A proba masculina é clasificatoria para o Campionato do Mundo de Surf, mentres que no caso das mulleres é puntuábel para o Campionato de Europa. A categoría do campionato será de tres estrelas, tanto na proba masculina como na feminina, cun importe en premios de 60.000 euros.

A participación galega é a máis numerosa con máis de trinta surfeiros, destacando o ferrolán Luis Rodríguez e o vigués Gonzalo Zubizarreta, que teñen un bo nivel para loitar polos primeiros postos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia