Skip to main content

Vicepresidencia destinou no primeiro semestre do ano máis de 15'7 millóns de euros á mellora da educación infantil e ao apoio ás familias

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar comprometeu no primeiro semestre deste ano máis de 15,7 millóns de euros para mellorar a educación infantil e apoiar ás familias galegas. O departamento que dirixe Anxo Quintana, a través da Subdirección Xeral da Familia investirá máis de 9,8 millóns de euros en diversos programas e axudas para incrementar a calidade da educación e a atención dos nenos e nenas de cero a tres anos. Ademais, outros 5,9 millóns de euros destínanse a actuacións de apoio ás familias galegas.

Para a Vicepresidencia da Xunta é clave avanzar na calidade das escolas infantís galegas, que atenden a rapaces de cero a tres anos de idade. Así, durante os primeiros seis meses deste ano publicáronse as ordes para sufragar con máis de 4,2 millóns de euros os custos de funcionamento diario e a mellora das escolas infantís dependentes de corporacións locais -orzamento que supera os 3,3 millóns de euros destinados para esta causa no ano 2005- e con outros 3 millóns de euros as melloras e os gastos dos centros dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

Ademais, dáselle un pulo ás Escolas unitarias de atención aos nenos no rural coa publicación, por primeira vez, dunha orde de axudas a través da cal se investirá nestes centros 936.000 euros. A través desta achega promóvese o funcionamento e a mellora destes servizos de atención á primeira infancia dependentes de corporacións locais. Outra das axudas xa publicadas destinadas á educación infantil é a do cheque infantil, que dispón dun orzamento de 1,5 millóns de euros e a través do cal se facilita aos pais e nais o acceso a unha praza de gardería para nenos e nenas de entre cero a tres anos.

A Vicepresidencia da Xunta centra os seus esforzos no incremento dos servizos de atención aos máis pequenos. Así, no que vai de ano comezáronse a tramitar 59 convenios de construción de Galescolas con 56 concellos de toda Galiza.

Educación infantil

No eido da educación infantil, a Subdirección Xeral de Familia ten avanzado na elaboración do primeiro Plan Estratéxico de Calidade nas Escolas Infantís de Galiza. Dentro da dinámica de posta en marcha do Plan Estratéxico déronse xa os primeiros pasos para a elaboración do Plan de Calidade nos comedores escolares. Así, en colaboración coa Unidade de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), procedeuse á recompilación dos menús das escolas para unha posterior análise co obxectivo de garantir a calidade na alimentación dos escolares.

Un dos programas máis novidosos nos que traballa o departamento que dirixe Anxo Quintana é a implantación de novas tecnoloxías nas escolas infantís e na creación dun portal propio de educación infantil galega. Así, preténdese achegar as novas tecnoloxías da comunicación e da información aos coidados, pais e nais, co obxectivo de que sexan de utilidade para a educación e a mellor atención dos seus fillos e fillas. Para esta iniciativa investíronse 140.000 euros.

Asemade, a Vicepresidencia da Xunta, a través da Subdirección Xeral da Familia, puxo en marcha diversas iniciativas que teñen como obxectivo promover o uso do galego entre os nenos e nenas, ao tempo que estreitou contactos con diferentes asociacións e colectivos coa finalidade de traballar en conxunto a prol da mellor atención para os rapaces e rapazas de Galiza. O conxunto destes programas supuxo un investimento de preto de 30.000 euros.

Apoio á familia

As familias galegas son para a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar un piar clave nas súas políticas. Así, durante o primeiro semestre deste ano publicáronse as ordes a través das cales se conceden as axudas económicas por fillo a cargo, que nesta ocasión dispoñen dun orzamento de 2,6 millóns de euros; e se desenvolven programas de educación familiar a través das corporacións locais, cun investimento de 2,5 millóns de euros.

Ademais, no que vai de ano tramitouse a creación dunha nova orde, que sairá publicada en breve, a través da cal se convocan axudas para o desenvolvemento de programas de atención a familias monoparentais. Esta iniciativa conta cun orzamento de 400.000 euros. O mesmo orzamento -400.000 euros- destinouse xa ao desenvolvemento do Programa Preescolar na Casa – Educar en Familia, que se leva a cabo coa colaboración de Política Lingüística.

Nos primeiros seis meses do ano 2006, e a través do Plan Avanza, a Subdirección Xeral de Familia abordou a introdución das novas tecnoloxías no eido familiar. Nesta liña comezouse a traballar no deseño do proxecto de creación dun portal web para os educadores familiares e tamén se esbozaron os pasos a seguir para conceder axudas destinadas a mellorar o acceso a internet das familias numerosas e monoparentais.

En colaboración coa Universidade de Vigo estase a tramitar a creación dunha Cátedra da Infancia, iniciativa para a que a Vicepresidencia da Xunta destinou xa 40.000 euros. Outros datos que cómpre salientar son a emisión durante o primeiro semestre do ano de 385 títulos de familia numerosa; 1.941 solicitudes do programa do carné familiar; e 500 novas solicitudes do programa de axudas de leite gratuíto para familias numerosas e partos múltiples.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia