Skip to main content

Vicepresidencia convoca 4.800 prazas para o novo programa Coñece o teu país 2006

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Acción Social, convoca 4.800 prazas para o novo programa “Coñece o teu país 2006”. Este programa pretende que os nosos maiores coñezan un pouco mellor Galiza, para o que organiza excursións ás cidades, comarcas e vilas máis significativas do territorio galego.

Esta nova iniciativa está dirixida a aquelas persoas maiores de Galiza que teñan máis de 65 anos ou ben sexan maiores de 60 e reúnan a condición de pensionistas. Ademais, os interesados deben residir na nosa Comunidade Autónoma e gozar de autonomía persoal, para poder optar a unha das prazas mediante a inscrición oportuna.

“Coñece o teu país 2006” organiza un total de 96 excursións por toda Galiza entre o 1 de xullo e o 30 de novembro deste ano, que se reparten entre os 7 Fogares do Maior (4 excursións por Fogar, que fan un total de 28) e os 34 Centros Sociais (2 para cada Centro, sumando 68) dependentes da Vicepresidencia. O custo por persoa e excursión é de 9 euros e inclúe o transporte, o xantar e a asistencia de guía profesional nas visitas.

O novo programa posto en marcha pola Vicepresidencia consta de dúas modalidades: “A Galiza urbana” e “As nosas vilas e comarcas”. “A Galiza urbana” inclúe, como mínimo catro destinos (as cidades de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), mentres que na modalidade “As nosas vilas e comarcas”, os lugares establecidos como fixos para as excursións son O Barbanza, a Costa da Morte, Bergantiños, a Mariña lucense, a Ribeira Sacra, Allariz- Maceda, o Baixo Miño, O Salnés e O Condado.

Os maiores que participan no programa están afondando no coñecemento da realidade actual e do patrimonio histórico-cultural de Galiza, ao tempo que experimentan unha convivencia con persoas nas súas mesmas condicións, unidas todas elas polo feito de estar coñecendo a súa terra en profundidade.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia