Skip to main content

O Barco da Memoria remata en Vilagarcía a súa singradura para dar a coñecer a represión franquista contra os mariñeiros

Unha das embarcacións máis emblemáticas do noso patrimonio marítimo, o Hidria II, totalmente rehabilitado, está a percorrer este verán a costa galega. Convertido no Barco da Memoria, este antigo e maxestuoso barco de vapor, rende homenaxe ás persoas represaliadas tras o golpe de estado franquista na Galiza mariñeira. A embarcación recalará desde o luns até o mércores no peirao de Vilagarcía, no que será o seu derradeiro porto.

O Barco da Memoria traerá consigo exposicións, charlas, homenaxes e música. Na organización das diferentes actividades previstas, xunto á Consellería de Cultura, tamén participa a Comisión pola Memoria de Vilagarcía. Ademais, todos os días, en horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, a xente poderá subir a bordo e ver a exposición “Os mártires do mar”, sobre a represión na costa galega tras o golpe militar.

Homenaxe no cemiterio

O luns día 4 ás 19.30 horas, no cemiterio de Vilagarcia realizarase un homenaxe a Antonio Azarola Gresillon, contraalmirante responsabel do arsenal de Ferrol asasinado polos fascistas en 1936 por ser leal á Republica. Ao acto asistirá o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará. Ás 20.00 horas no Auditorio de Vilagarcía terá lugar unha conferencia de Dionísio Pereira sobre “Os escenarios do mar tras o golpe militar: o caso da beira pontevedresa da Ría de Arousa”.

O día seguinte, o martes día 5 ás 17.00 horas, haberá unha conferencia de prensa da man de Javier Rodrigo, da Universidade de Zaragoza e autor de "Los campos de concentracion franquista entre la historia y la memoria", e Santiago Macías, Vicepresidente da Asociacion por la Recuperacion de la Memoria Historica e autor de "Las fosas de Franco". Estas dúas persoas ofrecerán, ás 20.00 horas do mesmo día no Auditorio de Vilagarcía, unha conferencia acerca do "Franquismo e violencia. Un solido matrimonio de corenta anos."

O mércores día 6, ten lugar no Auditorio de Vilagarcía un acto para dar remate á singradura do Hidria II no que haberá proxeccións audiovisuais e actuacións musicais, así como a entrega da Pedra da Memoria a quince familias de represaliados.

Singradura pola costa

O Barco da Memoria forma parte das actividades que está a organizar a Consellaría de Cultura e Deporte dentro do Ano da Memoria para dar a coñecer unha época da nosa Historia que aínda ten demasiados silencios. Na costa a represión iniciada tras o golpe de estado ensañouse co tecido sindical que se creara arredor das fábricas conserveiras e dos traballadores mariñeiros. Líderes sindicais e persoas significadas na loita polas liberdades e polas melloras das condicións laborais foron asasinadas, sufriron prisión ou foron repudiadas.

O Hidria II comezou a súa singradura en Cambados o día 18 de xullo e neste tempo visitou: Moaña, San Simón, Baiona, Marín, O Grove, Illa de Arousa, Rianxo, Cabo de Cruz, Ribeira, Portosín, Muros, A Coruña, Murgados, Ferrol, Cangas, Vigo e Raxó.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia