Skip to main content

O Consorcio Audiovisual de Galicia convoca o programa de promoción do documental galego DOC'S Galicia 06

O Consorcio Audiovisual de Galicia convoca o programa Doc´s Galicia 06 en base á cal se confeccionará un catálogo que inclúa os mellores documentais para a súa promoción nos eventos máis importantes deste xénero. O programa inclúese no marco do Plan de promoción dos documentais galegos. Deste xeito, continuase a traballar no Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego para intentar aumentar o peso económico das producións galegas no exterior.

O anuncio desta resolución sae publicado no número 172 do Diario Oficial de Galicia e o prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de outubro de 2006.

Un comité de expertos será o encargado de seleccionar, valorando a súa proxección internacional, os documentais en base á súa calidade, ao interese da temática e ao seu tratamento. O catálogo final estará conformado por un máximo de catro producións realizadas entre o 1 de abril 2005 e o 31 de xullo de 2006.

A difusión realizarase nos foros especializados de prensa, distribución, produción, exhibición e calquera outro relacionado e/ou interesado no documental e, como no caso do programa Curtas, contémplase a inscrición das producións seleccionadas nos mercados e festivais máis relevantes deste xénero.

Este ano o Consorcio Audiovisual de Galicia acudiu por primeira vez ao Sunny Side of the Doc, un dos mercados máis importantes no que a documentais se refire. Alí, tivo a oportunidade de dar a coñecer o futuro lanzamento do Doc’s Galicia 06, ademais de promocionar Galicia como lugar de rodaxes de documentais. O Consorcio asistiu cun stand propio no que tamén estiveron dúas compañías galegas, Ficción Producciones e Isabella Audiovisual, para manter entrevistas con distribuidoras e canles de TV e colocar os seus produtos no mercado.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia