Skip to main content

Quintana destaca a contribución do político Pancho Allegue ao progreso do municipio de Fene

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, destacou a importante contribución que o político Pancho Allegue fixo ao municipio de Fene. Para Quintana, o traballo de Allegue fixo posible a mellora da calidade de vida dos seus veciños, a consecución de maiores índices de benestar e de progreso para a súa comunidade, “porque esa foi a gran teima da súa vida”.

Anxo Quintana realizou estas declaracións nunha homenaxe celebrado en Fene ao político Pancho Allegue, ao cumprirse un ano do o seu pasamento. No decurso do acto o vicepresidente da Xunta lembrou a figura de Allegue, con quen compartiu militancia e proxecto político, e cualificouno como “un loitador incansable, un home imprescindible”. Por iso, a xuízo de Quintana, logo do seu pasamento, Allegue entrou a formar parte da memoria e da historia de Fene, “porque o seu compromiso cos demais proporcionoulle o cariño do pobo, da súa xente”.

Así, Quintana fixo referencia ao traballo desenvolvido por Pancho Allegue na loita pola defensa dos dereitos das persoas, que o levou a opoñerse aos plans de reconversión naval e á busca de medidas compensatorias para os concellos afectados. Esta actividade trasladouse logo ao eido do movemento cidadán e na defensa do sector agrario galego e dos proxectos políticos municipais. Todo o traballo desenvolvido por Allegue tiña, segundo explicou Quintana, unha única finalidade: acadar un futuro mellor para os mozos e mozas do seu pobo, da súa comarca e do seu país. “Todos aqueles que o coñeciamos sabemos da súa actitude xenerosa, solidaria, antepoñendo sempre o proxecto colectivo ao persoal, o benestar do pobo ao seu propio”, sinalou o vicepresidente.

Ao cumprirse un ano da morte de Pancho Allegue, Anxo Quintana apostou por recuperar os seus valores como persoa e como político, porque, a pesar da súa morte, queda a súa memoria, a súa entrega e “a súa convición de que co esforzo e o traballo se poden mellorar as cousas”.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia