Skip to main content

O novo Plan de Acuicultura presentarase no primeiro trimestre de 2007

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, interviu no Parlamento de Galicia para dar resposta a unha interpelación do PP sobre o Plan Sectorial de Tecnoloxía Alimentaria. A Conselleira defendeu a revisión do plan, “aprobado in extremis polo goberno Popular cun Consello da Xunta en funcións”, xa que éste incluía proxectos que irían ubicados en espazos de Rede Natura. Deste xeito, Gallego Calvar defendeu a necesidade de revisar o plan, “porque o anterior deixaba ao sector acuícola galego nunha inseguridade xurídica total”. Así, explicou que os informes que enviaron no seu momento a Consellería de Política Territorial e o Ministerio de Medio Ambiente xa falaban da necesidade “dunha avaliación medioambiental”, por unha banda, e de serias deficiencias na súa tramitación, por outra.

A decisión do novo Goberno da Xunta contou en todo momento co consenso do sector, que foi informado da revisión nunha reunión celebrada o 30 de setembro de 2005. Nesta liña, a primeira empresa coa que se comezou a traballar foi a que tiña o proxecto contemplado en Touriñan, cuxos dirixientes visitaron acompañados por técnicos de Pesca ata un total de nove ubicacións diferentes. Finalmente foron dúas as alternativas elexidas pola empresa, quen o pasado 1 de xuño presentou os novos proxectos que foron aprobados polo Consello da Xunta do día 21 dese mesmo mes.

Así, dende o anuncio da posta en marcha do novo Plan de Acuicultura aprobáronse xa catro proxectos de plantas acuícolas: un en Muros, dous en Xove e outro en Ribadeo e neste mesmo mes de setembro aprobarase a instalación dalgunhas plantas máis.

Carmen Gallego recordou na súa intervención que na revisión do Plan, para a que xa se mantiveron máis de 26 xuntanzas co sector, están a traballar tres consellerías (Pesca, Medio Ambiente e Política Territorial) e destacou a celeridade coa que se están aprobando os novos proxectos, xa que frente aos tres anos que tardou o PP en facer a tramitación da planta de Touriñán, “nós estamos a facer todos os trámites en seis ou sete meses”. Ademais, suliñou que “grazas a esta revisión”, Galicia conta con alomenos cinco novas zonas para instalar plantas acuícolas sen que esta actividade perxudique ao medio ambiente.

Por último, a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos salientou o compromiso do Goberno galego coa acuicultura que se traduce nunha inversión, este ano, de máis de 61 millóns de euros para o desenvolvemento desta actividade, o que supón un incremento do 123% nas inversións do orzamento destinado en 2005 polo Partido Popular.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia