Skip to main content

Quintana aposta por unha nova política de solo empresarial para facer de Galicia un país competitivo

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, acompañado polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, pola conselleira de Vivenda, Teresa Táboas e polo alcalde da cidade,Xosé López Orozco, presentaron en Lugo o proxecto do parque empresarial das Gándaras, un proxecto que é, sinalou, o paradigma do que deben ser os parques empresarias da Galiza do século XXI. Quintana, defendeu unha nova política de solo empresarial que serva para facer país, un país novo, competitivo, que aposte pola innovación e a formación, que pense estratéxicamente e planifique con visión de país.

O futuro parque empresarial das Gándaras, que se inclúe dentro do proxecto Galicia Suma, é, segundo o vicepresidente, unha aposta polo desenvolvemento económico de Lugo, xa que se trata dunha actuación de gran calado.

Quintana sinalou que a Galicia do interior é terra de oportunidades e por iso, hai que darlle os instrumentos para que poida aproveitalas.Deste xeito, sinalou é preciso atender as necesidades de solo empresarial das grandes cidades e ás súas áreas de influencia, a franxa Atlántica e facer unha aposta polo interior de Galiza.Estas dúas apostas, dixo o vicepresidente, non son excluíntes como pensaba o PP, senón complementarias e interactivas.

O vicepresidente lembrou que este goberno quere facer solo empresarial de carácter estratéxico atendendo á demanda empresarial e ao reequilibrio territorial e non seguir coa política do PP, que en 16 anos de goberno non creou nin un só meros de solo empresarial en Vigo, Coruña ou Santiago e as súas áreas de influenza. Ademais, dixo, o 44% das parcelas dos parques feitos polo PP están baleiras a día de hoxe, froito dunha mala planificación.

Pola súa banda, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, sinalou que o departamento que dirixe participará no Proxecto Galiza Suma aportando 108 millóns de euros para infraestruturas enerxéticas, de banda ampla e de implantación de enerxías renovables, para o conxunto de parques empresariais, para poder responder así, ás necesidades do século XXI. Blanco anunciou ademais que se investirán 3.900.000 euros nunha subestación de enerxía que subministrará non só neste parque, senón tamén ao hospital e a unha ampla zona da cidade.

Finalmente, a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas destacou na súa intervención que, por primeira vez dende a administración, vaise executar un parque empresarial que será tamén un lugar de relación social e de ocio, un espazo para o disfrute dos lugueses e non só un centro de creación de riqueza.

O futuro parque empresarial, cuxo proxecto presentou o vicepresidente da Xunta, en Lugo, ocupará unha extensión de case 2´2 millóns de metros cadrados, dos que 429.000 serán de uso industrial, case 400.000 de uso mixto, 261.000 de uso terciario, 43.719 irán destinado a equipamentos, 387.000 a zonas verdes e, finalmente, 576.793 se destinarán a espazos viarios e aparcamentos.

O concello é propietario de 1´5 millóns de metros cadrados, polo que se baralla a fórmula dun consorcio para desenvolver a actuación.

Na construción deste parque investiranse 75 millóns de euros. Será un parque multifuncional e loxístico xa que, albergará empresas de diversos sectores produtivos, terá diversidade de usos, industrial, comercial, de servizos e deportivos e ademais disporá dunha estación ferroviaria de mercadorías ao pé do propio parque que o converten nunha Plataforma Loxística.

Ademáis a situación do parque é idónea xa que colinda co propio núcleo urbano e conta cun acceso óptimo coa autovía A 6.

Segundo explicou a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, a súa Consellería modificou o proxecto herdado da administración anterior coa fin de incorporar os novos criterios de calidade, integración no territorio, deseño e ordenación de usos, que defende o seu departamento.Por iso, no proxecto actual as parcelas agrúpanse en función do seu uso empresarial, ordenando así os fluxos de mercadorías e de vehículos. O proxecto mellorado inclúe tamén unha gran zona verde, de 80.000 metros cadrados , que serve de pantalla de transición entre a zona empresarial e a residencial. Haberá un circuito verde que literalmente rodeará o parque e será transitable a aberto ao público para a práctica deportiva.

O parque inclúe tamén, no novo proxecto, unha gran praza central pública, de 27.000 metros cadrados, que será un espazo de encontro social e tamén de servizos.

Trátase, segundo a conselleira, “non só de crear solo empresarial, senón de contribuír a seguir construíndo a cidade de Lugo”.

O parque empresarial das Gándaras é unha actuación de solo produtivo de carácter estratéxico integrada dentro do programa Galiza Suma, que desenvolven as Consellerías de Innovación e Industria e de Vivenda.
Este programa recolle catro categorías de parques empresarias estratéxicos, os especializados, os tecnolóxicos, os multifuncionais e os loxísticos.

En toda Galiza o Proxecto Galiza Suma contempla o deseño de 20 millóns de metros cadrados de solo empresarial galego de carácter estratéxico. Supón o investimento de 2.000 millóns de euros en 8 anos e a creación de Oficinas de Promoción de Solo Empresarial, coas que se pretende levar a cabo unha política comercial activa.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia