Skip to main content

O Igape e Cofides prestarán apoio conxunto para respaldar no exterior investimentos promovidos por Pemes galegas

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Compañía Española de Financiamento do Desenvolvemento (Cofides) formalizaron unha vía de colaboración para facilitar o crecemento das empresas galegas a través da súa internacionalización cara a mercados emerxentes. Este é un dos principais obxectivos que se recollen no convenio firmado en Santiago polo conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, e por Remedios Romeo García, presidenta e conselleira delegada de Cofides. Ao amparo deste acordo, Cofides e o Igape -a través de Xesgalicia a sociedade xestora dos fondos de capital risco da Xunta-, poderán prestar apoio financeiro conxunto para mellorar as probabilidades de éxito dos proxectos de investimento promovidos por sociedades galegas no exterior, concretamente en países emerxentes e en vías de desenvolvemento.

O Igape e Cofides van colaborar ademais na promoción entre as empresas de Galicia dos apoios existentes para facilitar o financiamento dos seus proxectos de internacionalización e procurar reducir os riscos asociados aos investimentos no exterior, tamén coa finalidade de crear entre o empresariado galego unha cultura favorable ás alianzas estratéxicas e á cooperación empresarial internacional. Tanto as delegacións de Cofides no exterior como os Centros de Promoción de Negocios do Igape, colaborarán activamente na consecución destes obxectivos, procurando identificar aquelas iniciativas susceptibles de recibir apoio por parte dalgunha das dúas entidades ou polas dúas conxuntamente, labor que tamén se apoiará na Rede de Empresarios Galegos no Exterior. A rede de delegacións de Cofides estará a disposición das empresas galegas interesadas en investir nos países onde están situadas para prestarlles apoio en todas as accións previas á realización do investimento.

Intensificar a colaboración existente

Cofides e XesGalicia, participaron conxuntamente na implantación do Grupo Losán en Romanía, a través de Losán Rumanía; o proxecto consistiu na construcción dunha factoría de producción de chapa de madeira con especies locais para a fabricación posterior polo grupo de taboleiros e mobles; o investimento ascendeu a 6 millóns de euros a Xesgalicia subscribiu, a través de Sodiga, unha participación en capital de 1,5 millóns (32,8%). Cofides, pola súa banda, participa en proxectos de expansión exterior de varias empresas galegas. A raíz da participación conxunta en Losán, responsables de Cofides e Xesgalicia visitaron conxuntamente unha vintena de empresas galegas susceptibles de impulsar investimentos no exterior, entre elas algunhas xa participadas pola sociedade de capital risco galega que estudian proxectos de internacionalización produtiva. A difusión conxunta das posibilidades que poden achegar ambas entidades aos proxectos de internacionalización das empresas galegas intensificarase agora ao amparo do convenio subscrito hoxe.

Dado que gran parte das accións de apoio á expansión exterior da empresa galega que promove o Igape son complementarias ás levadas a cabo por Cofides, ambas entidades acordaron estreitar a colaboración na difusión tanto dos servizos que ofrecen como do cofinanciamento que poden aportar –vía participación en capital, con posibilidade de préstamos complementarios- para procurar asegurar a consolidación dos proxectos de internacionalización das empresas galegas. Así, o Igape comprométese a divulgar entre as empresas as posibilidades de apoio financieiro que ofrece Cofides para os proxectos de internacionalización. Cofides proporcionará formación ao persoal do Igape sobre os seus produtos e servizos para que teña un maior coñecemento das ferramentas que existen nesta materia. Ademais, as dúas partes colaborarán de maneira conxunta na organización de actividades e actos de difusión da súa oferta de apoios e servizos entre empresas galegas seleccionadas de común acordo entre as pertencentes a sectores con maior potencial de internacionalización, e cubrindo a maior parte posible do territorio da comunidade.

COFIDES S.A., é unha sociedade estatal de capital mixto creada para dar apoio financeiro aos investimentos españois en países emerxentes e en desenvolvemento. A Compañía xestiona actualmente un volume de recursos de 900 millóns de euros e conta cunha sólida experiencia como institución financieira de desenvolvemento especializada no fomento da internacionalización das empresas españolas.

O Igape, pola súa parte, dispón dun amplo abano de apoios financeiros e servizos para impulsar a internacionalización das empresas galegas, un dos obxectivos estratéxicos do actual Goberno. O Igape apoia a elaboración de estudos de mercado ou diagnósticos, así como as accións de promoción e cooperación en novos mercados exteriores. No apartado dos servizos, o Instituto oferta seguros á exportación, apoio en destino a través dos Centros de Promoción de Negocios (Japón, Estados Unidos, Polonia, China e Alemaña), traducción telefónica simultánea, bases de datos con oportunidades comerciais no exterior, estudos de mercado elaborados polos bolseiros de promoción exterior, entre outros.
Gabinete de Comunicación do Igape (Consellería de Economía da Xunta de Galicia)