Skip to main content

O centro pioneiro de desenvolvemento cooperativo transfronteirizo de Verín potenciará a interacción económica entre Galicia e o Norte de Portugal

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, visitou o Centro de Desenvolvemento Cooperativo Transfronteirizo de Verín, a través do cal, Traballo, no marco da súa estratexia de desenvolvemento da economía social como un instrumento de activación da economía local e da creación de emprego, participa como socia maioritaria no proxecto comunitario DESQOOP: Desenvolvemento Rural Transfronteirizo de Base Cooperativa, Galicia-Norte de Portugal coa construción dun Centro de desenvolvemento cooperativo transfronteirizo, na parte galega, para o que destina, en colaboración co Fondo Social Europeo, un total de 701.440,20 euros.

Ricardo Varela destacou que o sector cooperativista é “un dos motores principais do desenvolvemento económico rural”, tanto pola cantidade de cooperativas e asociacións existentes, máis de 1.300 agrupacións en toda Galicia, como polo volume de negocio (factura máis de 4.500 millóns de euros) e poboación que ocupa (integra a 85.000 parceiros, o 2% da poboación ocupada en toda a Comunidade).

Esta boa situación do sector da economía social en Galicia corrobórase, ademais, polo seu dinamismo, xa que durante o ano 2005 creáronse 40 novas cooperativas, destacando principalmente as de traballo asociado e as agrarias, que supoñen case un 75% das novas entidades creadas.

O conselleiro de Traballo fixo mención das necesidades máis significativas, que puideron ser identificadas a partir dunha análise de necesidades e potencialidades do territorio, contando coa participación e implicación de todos os axentes sociais e beneficiarios últimos dos resultados da iniciativa.

As necesidades a satisfacer polo centro concrétanse no apoio á intercooperación transfronteiriza entre cooperativas, no aproveitamento das oportunidades de mercado da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e, por último, na explotación das sinerxias empresariais e comerciais das cooperativas galegas e portuguesas.

Por outro lado, Ricardo Varela destacou a capacidade do cooperativismo para potenciar unha maior interacción transfronteiriza dos actores sociais e económicos de Galicia e Portugal. Ademais, desde a Consellería de Traballo considérase que a elaboración dunha estratexia común de fomento da economía social para o territorio interior da eurorrexión, contribuirá á diversificar e consolidar un tecido productivo xerador de emprego, respetuoso co entorno e sostible no tempo.

Os obxectivos e os servizos do Centro

Para que a actividade cooperativa sexa rentable e teña futuro debe estar baseada en proxectos con capacidade empresarial se o que se pretende é que sexa sostible, de ahí a importancia de poder contar cun Centro de recursos que, ao mesmo tempo, dinamice o sector e resposte aos requirimentos tanto formativos como consultivos das actividades cooperativas.

En consecuencia, a estratexia de desenvolvemento da economía social pivota sobre o Centro de Desenvolvemento Cooperativo Transfronteirizo de Verín, “que se converte nun punto de encontro dos actores públicos e privados, que trata de garantir a viabilidade empresarial das actividades cooperativas baseadas na economía tradicional e tamén daquelas enfocadas cara nichos de negocio emerxentes, facilitando apoio no acceso aos mercados”, segundo afirmou Ricardo Varela.

A gama de servicios e actividades que darán contido ao Centro abranguen catro eidos principais, que son os servizos cooperativos especializados, o viveiro de empresas, os servizos tecnolóxicos e os servizos polivalentes de utilidade pública.

No referente aos servizos cooperativos especializados, compre reseñar o asesoramento integral para a mellora xerencial das actividades cooperativas (xurídico, administrativo-contable, comercial, financiero), a análise de viabilidade técnico-económica de actividades económicas e a identificación de oportunidades de negocio.

Ademais, tamén se procurará a titorización de proxectos de nova creación, así como o asesoramento na incorporación de modelos de responsabilidade social corporativa na actividade empresarial. Xunto á formación cooperativa de alto nivel, desenvolveranse actividades de divulgación, sensibilización e traballo en rede e levarase a cabo a organización de feiras e misións comerciais, para facilitar a cooperación empresarial transfronteiriza.

Respecto da funcionalidade do viveiro de empresas, o Centro dotarase de nichos de empresa perfectamente acondicionados para a instalación de novos proxectos empresariais durante os momentos iniciais de posta en marcha e maduración das actividades, nos que estarán tutelados polo equipo técnico do Centro.

Así mesmo, está previsto que o viveiro de empresas sexa utilizado tamén para a recuperación de proxectos en crise ou en fase de reestructuración.

No tocante aos servizos tecnolóxicos, segundo declarou o conselleiro de Traballo, preténdese que o Centro sexa “un referente para o diagnóstico e asesoramento na implantación de novas tecnoloxías que permitan mellorar a competitividade empresarial dun xeito sostible, prestando especial atención a facilitar o acceso á sociedade da información das actividades localizadas no medio rural, en particular, o acceso a aquelas ferramentas e tecnoloxías que faciliten a intercooperación empresarial e o traballo en rede”.

Por último, o Centro dotarase así mesmo de espazos para a celebración de actos públicos, reunións e congresos, a fin de conferir unha polivalencia e aproveitamento óptimo da súa actividade e capacidade como infraestructura de uso público.

O proxecto DESQOOP

O Centro de Desenvolvemento Cooperativo Transfronteirizo de Verín, constitúe unha das medidas centrais do proxecto comunitario DESQOOP: Desenvolvemento Rural Transfronteirizo de Base Cooperativa, Galicia-Norte de Portugal, cofinanciado pola Iniciativa Comunitaria INTERREG IIIA con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Concretamente, o proxecto DESQOOP trátase dun programa europeo de execución plurianual, 2005-2007, cun orzamento global de 2.930.150 euros, e deseñado para o fomento do desenvolvemento rural, que contemplará dende a promoción empresarial e comercial do cooperativismo ata a potenciación dos seus factores de competitividade, calidade e ampliación de mercados.

O programa asocia a 9 entidades de natureza pública e privada, sen ánimo de lucro, das dúas zonas transfronteirizas (zona interior de Galicia e norte de Portugal), que son, pola parte galega, a Consellería de Traballo, as tres asociacións de cooperativas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), a Federación de Empresas Cooperativas Sinerxía, a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado UGACOTA e a Universidade de Vigo, e catro socios pola parte portuguesa.

As accións que se levan a cabo a través deste proxecto comunitario baséanse na construción de dous centros de desenvolvemento cooperativo Galicia-Norte de Portugal, un de cada lado da fronteira e que, segundo as previsións de Traballo, xerarán arredor de 200 postos de traballo directos. Ademais, estímase que estas infraestructuras serán utilizadas por 7.000 usuarios no seu primeiro ano de funcionamento. Así mesmo, o proxecto DESQOOP pretende acadar a organización de 4 misións comerciais e o asesoramento a un mínimo de 20 novas iniciativas empresariais no primeiro ano de actividade dos centros transfronteirizos.

Segundo declarou Ricardo Varela, o encadramento do centro no marco desta iniciativa, supón “un enfoque certamente innovador no seu deseño e na filosofía da súa xestión e utilización, ao introducir a cooperación transfronteiriza dos axentes públicos e privados como un elemento que facilitará a integración do mercado transfronteirizo a través da intercooperación empresarial”.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia