Skip to main content

A Xunta culmina o saneamento das contas do exercicio 2005 no que absorbeu 403 millóns de gastos non contabilizados ao finalizar 2004

A Xunta de Galicia culminou o proceso de saneamento das contas do exercicio 2005 no que absorbeu 403 millóns de euros correspondentes a gastos de anos anteriores non contabilizados ao finalizar o ano 2004. Seguindo a política de transparencia na xestión das contas, e os principios de rigor e control orzamentario, a Consellería de Economía e Facenda abordou no seu primeiro exercicio a absorción da totalidade do gasto desprazado de anos anteriores e non contabilizados, que nun 80% pertenecían a gasto sanitario e incluía tamén partidas correspondentes a expropiacións e transporte escolar.

O proceso culmina agora coa revisión dos datos correspondentes ao exercicio 2005 do Plan de Saneamento Financeiro (PSF) que o Goberno anterior presentara en novembro de 2004 ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). Dito plan incluía o escenario das contas de Galicia para os exercicios 2005, 2006 e 2007, escenario que agora vén de corrixir a Xunta no que corresponde ao primeiro exercicio.

Segundo a revisión que o conselleiro de Economía anuncióu ante o CPFF, a absorción dos gastos desprazados derivou nun incremento no déficit previsto no PSF para 2005 que estaba cifrado en 125 millóns de euros. As medidas de control do gasto abordadas, xunto co incremento dos ingresos no exercicio permitiu, non obstante, reducir dito efecto de tal xeito que o déficit final situose en 166 millóns de euros.

Proceso de saneamento
O proceso de saneamento desenvolvido pola Xunta de Galicia partiu do exercicio da transparencia nas contas, e nunha política de rigor e control de gasto que xogou un papel fundamental no proceso de saneamento. Así, este puido realizarse, segundo explicou o conselleiro, sen reducir as prestacións aos cidadáns nin recorrer a un maior endebedamento ou maiores impostos.

Igualmente, o proceso viuse reforzado polo escenario de maiores ingresos procedentes tanto do resultado da II Conferencia de Presidentes celebrada en setembro de 2005, como do incremento rexistrado nos ingresos tributarios.



SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia