Skip to main content

O triatleta Gómez Noya promocionará a marca Galicia Calidade nas competicións deportivas nas que participe

O triatleta de elite Francisco Xavier Gómez Noya difundirá a marca Galicia Calidade nas competicións deportivas nas que participe. Así o establece o contrato de colaboración que asinaron o conselleiro de Innovación e Industria e presidente do Consello de Administración de Galicia Calidade, Fernando Blanco; o director xerente desta sociedade, Ignacio Louzao; o presidente da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno, Francisco Villanueva; e o deportista ferrolán, atleta con importantes vitorias en campionatos estatais e internacionais de tríatlon e dúatlon.

En virtude deste contrato, Galicia Calidade será patrocinador publicitario de Gómez Noya para a difusión do logotipo da sociedade nos campionatos nos que compita a nivel galego e estatal e sempre que participe coa Selección Galega, isto é, na Competición Federada Galega, na Competición Federada Estatal e na Competición Internacional coa Selección Galega. A Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno e Francisco Xavier Gómez Noya obríganse a facer presente o devandito logo de Galicia Calidade en lonas publicitarias nos lugares onde se desenvolven habitualmente as actividades deportivas e nos equipamentos do triatleta nas diferentes competicións. Por outra banda, o contrato tamén contempla a presenza da imaxe de Gómez Noya en calquera evento que Galicia Calidade efectúe, sen que iso supoña interferencia no seu calendario de competicións.

A creación, produción e execución da publicidade correrá a cargo do deportista, ao que, en contraprestación, Galicia Calidade achegará a cantidade de 24.000 euros a través da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno. O contrato, que contempla ademais a obriga por parte da Federación de establecer como lingua de comunicación con Galicia Calidade o galego, así como a potenciar o seu uso entre o persoal da Federación, terá unha duración dun ano.

Galicia Calidade

Galicia Calidade, S.A., sociedade dependente da Consellaría de Innovación e Industria, constituíuse en 1995, e entre os seus obxectivos están a promoción de produtos e servizos galegos de calidade, para contribuír a mellorar as vendas das empresas ás que se lles concede a marca de garantía e facilitar aos consumidores a identificación destes produtos e servizos de calidade. Galicia Calidade estableceu entre as súas liñas de actuación a promoción e publicidade da marca e, entre outras, a difusión do seu novo logotipo naqueles eventos que pola expectación que suscitan rendibilicen o investimento publicitario realizado, obxectivo ao que responde o contrato asinado.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia