Skip to main content

Traballo e Fegamp colaborarán na prevención dos riscos laborais dos traballadores dos concellos

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinou co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Xosé Crespo, un convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e a FEGAMP para o desenvolvemento de actividades preventivas no marco normativo de prevención de riscos laborais en relación cos seus traballadores.

Coa sinatura deste convenio e dadas as características organizativas e de persoal dos concellos, “recoñecese as dificultades que en ocasións se presentar par incorporar as necesarias técnicas preventivas, tanto en relación cos seus propios traballadores como os das empresas alleas contratadas por eles”, segundo declarou o conselleiro de Traballo trala sinatura do convenio de colaboración.

Tal e como se recolle no texto do convenio, o obxectivo principal é dar unha resposta eficaz ás demandas do mercado no ámbito da formación en prevención de riscos laborais e tendo en conta que se considera a formación como un instrumento básico para lograr un incremento da seguridade e saúde laboral nos centros de traballo, é necesario promover unha oferta de formación conducente a potenciar a prevención da poboación traballadora, mediante a súa cualificación en materia de prevención.

Ambas partes sinalaron que comparten a idea de que a formación en seguridade laboral constitúe unha vía fundamental para conseguir un incremento da seguridade laboral dos traballadores galegos. Así, Varela calificou de “moi importante” a existencia dun nivel de colaboración intenso entre os concellos galegos e a Consellería de Traballo na loita contra a sinistralidade, e engadiu que esta loita “debe sustentarse en cinco ámbitos: a propia Consellería, os empresarios, as organizacións sindicais, os técnicos da Administración e controladores de obra, e os concellos , xa que estes últimos teñen a capacidade de chegar aos recunchos e son coñecedores das obras que se desenvolven nos seus municipios”.

Así, tal e como explicou Varela, o convenio asinado esta mañá “ten por obxectivo establecer unha colaboración en materia de impulso de actividades de prevención de riscos laborais nas entidades locais asociadas á FEGAMP e que se concretará na impartición de cursos de formación relacionados con esta materia”.

Nese senso, a FEGAMP organizará e desenvolverá medidas de prevención no propio concello, será a encargada de garantir o cumprimento por parte dos concellos do obrigatorio control dos traballos que realicen as súas empresas contratadas polo grupo municipal, e prestando unha especial atención ás obras de construción, en relación á seguridade e saúde das citadas empresas, así como, deberá elaborar protocolos e métodos de actuación preventiva de aplicación por parte dos concellos.

A Consellería de Traballo, a través da rede de centros provinciais de Seguridade e Saúde Laboral, levarán a cabo a impartición de varias accións formativas en materia de prevención de riscos laborais para os traballadores e persoal directivo daqueles concellos asociados á FEGAMP.

O conselleiro de Traballo avanzou que se vai a intensificar a colaboración cos concellos nesta materia, polo que se está estudiando as posibilidades para que haxa unha rede de xente, a maiores dos técnicos de prevención, que informe sobre os riscos laborais nas entidades locais. O obxectivo é seguir rebaixando a sinistralidade, un dos grandes problemas da nosa comunidade, pois dobramos a porcentaxe que nos correspondería en función da poboación ocupada en Galicia, e dicir, os accidentes mortais en Galicia o ano pasado eran o dobre da porcentaxe da poboación ocupada, estamos nun 10% cando deberíamos representar un 5%, en relación coa poboación ocupada.

Varela destacou que a sinistralidade segue a ser unha das asignaturas pendentes, independentemente do índice de gravidade, pero hai prestar unha especial atención aos accidentes mortais, polo que “é preciso establecer medidas na loita contra a sinistralidade a través dunha permanente intensificación das medidas, pois nestas alturas xa conseguimos reducila un 36%”.

Dende a Consellería de Traballo “estamos convencidos de que a loita contra a sinistralidade debe facerse dende tres frontes básicas, dende a formación en prevención, dende a información sobre os riscos aos que os traballadores están expostos e dende o control e a sanción dende as entidades correspondentes”, asegurou o conselleiro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia