Skip to main content

Emilio Pérez Touriño confirma que Galicia participará na Exposición Internacional Zaragoza 2008

O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, anunciou que Galicia participará na Exposición Internacional Zaragoza 2008. Así llo trasladou ao embaixador-comisario da mostra, Emilio Fernández Castaño y Díaz-Caneja, con quen se reuniu no seu despacho do Parlamento galego.

O encontro do comisario da Expo Zaragoza 2008 enmárcase na rolda de visitas que está a realizar por todas as Comunidades Autónomas co fin de implicalas no proxecto do 2008. Durante a xuntanza, Emilio Fernández tivo a oportunidade de trasladarlle a invitación ao mandatario autonómico para que Galicia tamén participe na Expo 2008.

Pavillón propio e Día de Galicia

O presidente da Xunta confirmou que a Comunidade galega participará na Exposición Internacional Zaragoza 2008, xa que contará cun pavillón propio, así como cun Día de Galicia, cuxa data está aínda sen precisar.

Nesta liña, Emilio Pérez Touriño tamén salientou que desde o Goberno que preside xa se está a traballar en distintos proxectos que van ter cabida na Expo Zaragoza 2008.

Concretamente, os departamentos autonómicos implicados na organización son os de Medio Ambiente e Turismo, por canto responsables na materia sobre a que versa a mostra, “Auga e Desenvolvemento Sustentable”, así como a Consellería de Economía e Facenda, que traballa no fomento da participación de empresas galegas no evento.

Expo Zaragoza 2008

A Exposición Internacional Zaragoza 2008, que se celebrará na capital aragonesa entre o 14 de xuño e o14 de setembro de 2008, versará sobre a Auga e o Desenvolvemento Sustentable. A mostra nace co obxectivo de promover unha nova cultura da auga ligada á sustentabilidade; de propiciar o encontro e a participación; crear unha conciencia xeral dos problemas e as oportunidades da auga; amosar as mellores experiencias e innovacións levadas a cabo en todo o mundo; fomentar o intercambio de solucións imaxinativas e innovadoras; celebrar os avances en calquera dos campos relacionados coa auga nos que o disfrute sensorial, o ambiente acolledor e a alegría sirvan de vehículo para o encontro entre culturas diversas e xentes distintas, propiciando os intercambios culturais, sociais económicos e de todo orden; e, en definitiva, facer que os participantes e visitantes vivan unha experiencia única.

A elección de Zaragoza como cidade para acoller a Expo 2008 debeuse, fundamentalmente, a súa estreita relación, desde a súa orixe, cos recursos hídricos e os seus aproveitamentos e á constante loita contra a desertización que viviu sempre a comunidade aragonesa.

Galicia, moito que dicir

As claves temáticas da Expo Zaragoza 2008 serán o tratamento da auga, como recurso único; a vida en torno á auga; as paisaxes da auga; e a auga, como elemento de relación entre os pobos e como o máximo desafío do século XXI.

Neste contexto, a Comunidade galega está chamada a participar activamente nesta mostra e a amosar a súa experiencia no aproveitamento da auga. Non hai que esquecer que unha fonte fundamental de riqueza da Comunidade galega radica, en grande medida, nos seus recursos hídricos e termais, que fan que Galicia conte con numerosas “paisaxes da auga”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia