Skip to main content

Quintana di que os orzamentos reflectirán que o 2007 será o verdadeiro ano da política xuvenil

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, declarou que o vindeiro ano a xuventude será a “estrela” dos orzamentos da Vicepresidencia, xa que se investirán 20 millóns de euros nas políticas xuvenís, o que significa un incremento dun 20%. Quintana anunciaba que o 2007 será o verdadeiro ano da política xuvenil, na súa comparecencia no Pleno do Parlamento para falar sobre as políticas en materia xuvenil da Vicepresidencia.

Para Quintana estamos ante a xeración de galegos e galegas mellor formados da historia, e están agardando do Goberno a “Galiza das ideas e das oportunidades”, por iso, é preciso mudar substancialmente, a política xuvenil levada ata a gora dende a Xunta de Galicia. Hai que pasar, dixo, dunha política na que a xuventude era espectadora, unha “xuventude decorado” a políticas que teñan aos mozos como protagonistas, con voz propia, é dicir, “políticas en rede, feitas de abaixo a arriba”.

Segundo Quintana, a clave da actuación da Vicepresidencia en política xuvenil neste ano, foi avaliar e reordenar o que se estaba facendo, “suprimindo aquelas cousas que entendiamos non eran necesarias, reconducindo aquelas ideas boas que non estaban ben enfocadas e sentando as bases daqueles cambios máis fondos que había que acometer para cubrir un baleiro en determinados ámbitos de actuación nunca antes abordados”.

Na súa comparecencia, Quintana falou das principais liñas de futuro no que ás políticas xuvenís se refire e sinalou que se está a elaborar un estudo sobre a situación da mocidade no país. Tamén sinalou que se está a traballar na redacción da Lei de Xuventude, da nova Lei de Voluntariado e do Plan Galego de Voluntariado.

O vicepresidente da Xunta, enumerou algúns dos proxectos nos que está a traballar o seu departamento, a través da dirección xeral de Xuventude, como é a creación, por decreto no vindeiro mes, dunha Rede de Locais de Ensaio aberta á mocidade, a apertura de seis novos centros Quérote, a posta en valor e aproveitamento integral da rede pública de instalacións xuvenís ou a prolongación da estratexia informativa, con novas publicacións e coa celebración de xornadas, certames ou foros que aborden distintas temáticas relacionadas coa mocidade.

Filosofía das políticas xuvenís

Segundo o vicepresidente, a mocidade constitúe a máis poderosa forza de cambio e progreso social e calquera política deseñada de costas á mocidade e ás súas asociacións, está condenada ao fracaso. Por iso, dixo, un dos principais requisitos pasa por ter clara a radiografía da nosa mocidade, xa que a lectura da realidade xuvenil amosa múltiples perfís, inquietudes e demandas diferenciadas que contradín o paradigma da xuventude como entidade homoxénea.

Neste senso, Quintana sinalou que os proxectos que defende a Vicepresidencia, “oriéntanse á incorporación da xuventude como capital humano, un grupo social enormemente preparado que atesora un enorme potencial de transformación social, de oportunidades de futuro”. Por iso, sinalou, hai que impulsar un país con mobilidade social, que valore o mérito e que dea oportunidades á xeración máis preparada. É necesario, segundo o Vicepresidente, construír canles de escoita ás ideas e reivindicacións dos mozos, que axuden á mellora do país, fortalecer o intercambio cultural e a cooperación internacional como ferramenta de coñecemento mutuo e solidariedade e artellar canles de intercambio e sinerxias permanentes de voluntariado, que posibiliten a súa viabilidade práctica.

A dinámica de traballo levada a cabo este ano pola Vicepresidencia pivotou, segundo Quintana, en tres eixes básicos, “máis oportunidades para os mozos e mozas , participación para a nosa xuventude e unha política galega para a mocidade galega”.

Máis oportunidades

O Goberno galego está levando a cabo, segundo sinalou Quintan na súa comparecencia parlamentaria, unha política xuvenil que recolle os problemas que afectan á xuventude como a vivenda, o traballo ou a formación.Este vai ser, dixo, “o esqueleto da futura lei da Mocidade Galega”, da que se informará monograficamente en sede parlamentaria e que podería estar funcionamento a finais do vindeiro ano, tras un profundo estudo sobre a realidade actual da mocidade do país.

Neste senso, Quintana destacou que hai que facilitar o acceso á vivenda dos mozos, e por iso, quérese crear un verdadeiro parque público de vivenda protexida. Tamén resaltou que a Consellería de Vivenda ten en marcha un proxecto pioneiro no conxunto do Estado para construír 400 vivendas no campus da Coruña destinadas a estudantes en réxime rotatorio de alugueiro, unha iniciativa que se quere estender ás outras universidades galegas.

Facilitar o acceso a un posto de traballo en óptimas condicións de permanencia é, segundo, Quintana, un dos grandes cabalos de batalla do Goberno. Neste senso, destacou as medidas postas en marcha pola Consellería de Traballo para mellorar a empregabilidade e estabilidade entre a mocidade galega ou a liña de axudas anunciada onte pola Consellería de Medio Rural, para a incorporación dos mozos como titulares das explotacións agrarias.

Precisamente para combater a indiferenza contra a precariedade, a Vicepresidencia puxo en marcha a campaña A precariedade laboral é un crime, denúnciao, que intenta mobilizar á opinión pública fronte aos especuladores que xogan co futuro da nación.

Neste ano, a Vicepresidencia, tamén colocou a primeira pedra dun dos seus principais compromisos, a creación dunha rede galega de asesoramento afectivo sexual para a mocidade, coa posta en marcha do primeiro centro Quérote, en Santiago, que atendeu nos catro primeiros meses de funcionamento, 650 consultas. Quintana anunciou que nas vindeiras semanas comezarán as obras do centro Quérote en Lugo e ao comezo de ano en Vigo, A Coruña e Ourense, porque sinalou, é preciso ampliar as canles de información e formación da educación afectivo sexual, xa que “a información fainos máis libres”.

Participación para a mocidade

Segundo Anxo Quintana, na Vicepresidencia hai aberta unha “dialéctica interactiva” na que se sustenta a planificación das accións, aberta ao debate crítico e atenta ás súas aportacións no deseño das estratexias e na fixación das prioridades de actuación.Para Quintana é necesario esforzarse por facilitar a participación xuvenil, tanto na planificación das políticas como na súa execución, pero non haberá participación real se non hai información. Por iso, tamén é imprescindible garantir unha axeitada difusión da información de interese para a mocidade e con esa filosofía naceu Infoxove, que ten unha tirada de 60.000 exemplares mensuais. O seguinte paso será executar un moderno portal de internet para a xuventude, co obxecto de informar á mocidade de todas as actividades dirixidas a eles.

No eido do voluntariado, Quintana sinalou que se vai elaborar un novo Plan de Voluntariado, como marco para promover a cultura da solidariedade e a formación do voluntariado, porque conciencia e solidariedade xa existen. Proba diso foi a marea de solidariedade espontánea que levou á posta en funcionamento dun dispositivo artellado pola dirección xeral de Xuventude e Solidariedade, como é o Programa en Defensa do Monte Galego, no que se inscribiron case 6000 voluntarios no primeiro mes e medio de funcionamento.

Para levar a cabo esta participación da mocidade é preciso dispor de infraestruturas e instalacións e neste senso, estanse subsanando os déficits e mellorando a calidade das instalacións xuvenís.

Unha política galega para a mocidade galega

A política xuvenil da Vicepresidencia aposta ademais pola galeguización, porque é necesario facer unha política xuvenil “pensada desde aquí e para a mocidade de aquí”·, dándolle prioridade a todo o que teña que ver, segundo sinalou Quintana, a aquilo que teña que ver coa valorización do país entre os máis novos.

Neste senso, hai que comezar polo idioma e sinalou, que a Vicepresidencia está axudando a desenvolver e materializar o Plano de Normalización Lingüística. Nesta liña, puxéronse en marcha programas como a campaña Galeguiza a túa vida, e se desenvolveron 20 obradoiros de creación literaria na campaña de verán do 2006. Ademais estase a traballar na creación da figura do Voluntariado Lingüístico, como canle de participación cidadá orientada a facilitar e promover o coñecemento e o uso do noso idioma.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia