Skip to main content

O director xeral para o Deporte recoméndalle a Julio Meana que dimita en favor do fútbol galego

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, recomendoulle ao presidente da Federación Galega de Fútbol, Julio Meana, que dimita “en favor do fútbol galego”, como consecuencia do escándalo xurdido tralas acusacións de mal uso dos cartos da federación galega de fútbol.

O máximo responsábel do Deporte Galego reuniuse co presidente da Federación Galega de Fútbol, para tratar sobre presuntas irregularidades no seo deste colectivo, que foron denunciadas hai uns días pola Asociación Galega de Clubs, presidida por Plácido Díaz, ante a Dirección Xeral para o Deporte. Esta documentación foi entregada ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, que será o encargado de dilucidar se se está a cometer algún tipo de irregularidade, de acordo coa Lei Galega do Deporte, pola que se rexe a Federación Galega de Fútbol.

Ao remate da reunión, o director xeral explicou que despois de escoitar a Meana lle quedou claro “o papel que desempeñou o presidente neste proceso, aínda que non me aclarou nada sobre o quid da cuestión, sobre as gratificacións, eses pagos, eses indicios de utilización indebida dos cartos da federación. Parece descoñecer a documentación existente e quedou en que ía solicitala aos seus colaboradores“. Ante a falta de clarificación sobre a situación actual, Domínguez recomendoulle ao presidente da Galega que “dimita en favor do fútbol galego e que cese ao seu secretario xeral, para poder así facer un proceso electoral limpo e claro e que sexa o fútbol galego o que elixa aos seus dirixentes e a partires de entón se volva a falar de fútbol e non doutras cousas”.

Por parte de Meana non houbo resposta a recomendación realizada polo director xeral, quen espera que todo o conflito se solucione canto antes, “en favor do noso fútbol. Son moitas as chamadas que recibín ao longo do día de hoxe de xente do fútbol galego que pide dimisións, porque existen dúbidas razoábeis sobre o uso destes cartos. A ver como se lle pode explicar ao presidente dun club galego que pasa tantos apuros para conseguir axudas para saír adiante, estes gastos superfluos”.

O director xeral para o Deporte quixo deixar ben claro que o secretario xeral da Federación Galega, Ramón de Llano, mentiu cando subliñou que unha parte do importe do convenio asinado entre a Consellería de Cultura e Deporte e a Federación se dedica ao partido da selección galega de fútbol. “Non hai nin un euro dedicado a ese encontro, que se sufraga grazas aos patrocinadores da selección”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia