Skip to main content

Touriño anuncia que a estratexia económica da Xunta basearase na mellora da accesibilidade, na aposta pola innovación e na procura do desenvolvemento sustentable

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, incidiu, no decurso dun xantar mantido cos empresarios máis destacados da Comunidade Autónoma, na necesidade de reorientar o modelo económico de Galicia co obxectivo de que no horizonte dos próximos sete anos a economía galega acade “a plena converxencia” coas máis avanzadas da Unión Europea. O titular do Goberno galego destacou que neste primeiro ano de lexislatura a economía de Galicia ten mudado “na dirección correcta” e apostou por un crecemento que teña en conta as directrices adoptadas pola Unión Europea e os obxectivos marcados na Axenda de Lisboa e que se refiren á aposta pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico; a educación e a cualificación; a modernización económica e empresarial; e o desenvolvemento sustentable do medio ambiente e do territorio.

“O obxectivo é claro”, dixo Touriño, “crecer de xeito sostible e crear máis e mellor emprego”. Nesta dirección enfocarase a estratexia económica da Xunta para os vindeiros anos que conta, tal e como salientou o presidente galego, cun “marco de apoio comunitario potente e relevante”. Así, Galicia recibirá no vindeiro sexenio un total de 3.620 millóns de euros procedentes da UE que deben canalizarse, segundo Touriño, de acordo a unha serie de criterios que serán determinados no Consello da Xunta do vindeiro 19 de outubro e que primarán a innovación e a formación, o reto da mellora da accesibilidade e a aposta polo desenvolvemento sustentable.

Reorientación do modelo económico

O titular do Executivo autonómico destacou, na súa intervención, a relevancia dos fondos estruturais procedentes da UE como “panca moi importante” para o avance da sociedade galega. Segundo Touriño, malia ter recibido importantes fondos no período 2000-2006, a economía galega é unha das que menos ten crecido na última década o que se concretou nunha perda de peso de Galicia dentro do conxunto do Estado.

Para paliar esta situación, á que hai que sumar a perda de peso demográfica de Galicia propiciada polo avellentamento poboacional, é necesario, tal e como recoñeceu o presidente da Xunta, camiñar na converxencia con España e con Europa. “Seguimos sendo rexión obxectivo número 1 e dispoñemos aínda dos fondos de converxencia porque non acadamos o umbral mínimo que marca a UE”, admitiu Touriño, quen manifestou o seu convencemento de que Galicia pode conseguir, nos vindeiros 7 anos, o ansiado obxectivo da converxencia.

Esta converxencia acadarase reorientando a estratexia económica de Galicia e apostando polo investimento en innovación e desenvolvemento tecnolóxico. “Iniciamos o curso de 2007 e dispoñemos para iso dun marco de apoio comunitario potente e relevante”, admitiu Touriño.

Porén, malia o acontecido no período 2000-2006 no que apenas se apostou pola dotación de infraestruturas tecnolóxicas para Galicia, os orzamentos comunitarios para o período 2007-2013 destinarán en Galicia un total de 360 millóns ao Fondo Tecnololóxico. Por outra banda, 795 millóns de euros englóbanse dentro do Fondo Social Europeo e 2.263 millóns de euros pertencen ao FEDER. Así, a nova estratexia económica da Xunta “reorienta as prioridades” co obxectivo de realizar unha “utilización óptima e eficaz deses fondos”, indicou Touriño.

País de excelencia

Paralelamente, o máximo mandatario galego apostou porque Galicia e as súas empresas poidan ser sinónimo de “país de excelencia, de calidade” e apostou pola creación na Comunidade Autónoma de “produto diferenciado” co obxectivo de “achegar marca nunha economía integrada e global”. Isto, segundo Touriño, “esixe un profundo cambio de mentalidade e de reorientación da política económica para superar o que foi unha estratexia que puido ser axeitada no pasado pero que agora se revela esgotada”.

Por iso apostou por reorientar o modelo económico galego consonte ás directrices fixadas pola Unión Europea e de acordo aos obxectivos marcados na Axenda de Lisboa que se refiren fundamentalmente a: aposta pola innovación e desenvolvemento tecnolóxico; aposta pola educación e cualificación; modernización económica e empresarial; e procura dun desenvolvemento sustentable do medio ambiente e do territorio.

Avances na dirección correcta

O máximo mandatario galego salientou, así mesmo, que o balance do seu primeiro ano de Goberno é positivo e que Galicia avanza na “dirección correcta” tal e como demostran os principais índices macroeconómicos aos que se referiu. Por vez primeira, o PIB galego crece por riba da propia media española e durante o último ano o Índice de Producións Industriais de Galicia e o que máis ten medrado dentro do conxunto do Estado, cun crecemento medio próximo ao 6 por cento.

Por outra banda “o sector exterior compórtase razoablemente e as exportacións crecen por riba das importacións”, destacou Touriño, quen tamén indicou que o clima de estabilidade e confianza amósase tamén na creación, durante o último ano, de 3.650 novas sociedades mercantís.

Así mesmo, Galicia rexistra na actualidade a taxa de paro máis baixa dos últimos 25 anos logo de que o número de desempregados descendera notablemente no último ano, cunha redución de 2,5 puntos, o que sitúa a taxa galega “no contorno da media española”. A creación de 30.000 postos de traballo nos últimos 12 meses, o crecemento das contratacións indefinidas e o descenso da taxa de paro feminina son, así mesmo, outros indicadores aos que se referiu Touriño como ilustrativos do clima de confianza económica que vive Galicia.

Estratexia económica galega

Finalmente, o titular do Goberno galego destacou que o Consello da Xunta do vindeiro 19 de outubro aprobará as liñas económicas que guiarán a estratexia do Executivo galego nos vindeiros anos e que teñen que ver con 3 obxectivos básicos: o reto da accesibilidade, a aposta pola innovación e a formación e a procura do desenvolvemento sustentable.

Dentro do reto da accesibilidade, Touriño referiuse á necesidade de que Galicia supere o feito de ser un territorio periférico tanto desde o punto de vista das “infraestruturas produtivas” como no que se refire ao “acceso ás novas tecnoloxías de comunicación”. Unha das principais batallas que Galicia debe librar neste eido, segundo recoñeceu Touriño, e a que se refire “á modernización ferroviaria”.

Neste sentido, Pérez Touriño concretou como se están a desenvolver as obras de conexión coa Meseta e do Eixo Atlántico de Alta Velocidade e ás que xa se referira está mañá no hemiciclo galego. Paralelamente, salientou a próxima aprobación do Plan de Infraestruturas de Galicia e do Plan de Transportes da Comunidade Autónoma como dous conxuntos de medidas fundamentais na procura do reto da accesibilidade.

Doutra banda, a aposta pola innovación e a formación concretarase na aprobación dun novo Plan Galego de I+D`+i e na aposta polo multilingüísmo e a incorporación plena do espazo educativo e galego ao Espazo Europeo de Educación Superior, así como a incorporación plena das novas tecnoloxías ao ensino.

Finalmente, o titular da Xunta referiuse ao reto do desenvolvemento sustentable como outro dos obxectivos que debe guiar a estratexia económica da Xunta de Galicia para os vindeiros anos, aposta que prevé o saneamento integral das rías galegas e a incorporación dun novo modelo de ordenación territorial que redunde “no desenvolvemento de calidade e sustentable”.

Por último, Touriño sinalou a necesidade de que Galicia subsane os grandes défices sociais que ten como país mediante a aposta polo reequilibrio interior para que xa en 2007 se vislumbre máis nitidamente o camiño cara a converxencia con España e con Europa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia