Skip to main content

Convocadas as axudas do SGI para empresas galegas innovadoras lideradas por mulleres

Xa se poden solicitar as axudas convocadas polo SGI, dentro do programa EMEGA, para proxectos empresarias innovadores que estean liderados por mulleres.

Estas axudas consisten nunha única subvención de, como máximo, 10.000 euros, non podendo exceder o 55% do custe total do proxecto empresarial.O orzamento total para a terceira fase do EMEGA é de 200.000 euros.

Poderán beneficiarse destas axudas as empresarias autónomas, incluídas as sociedades unipersonais e as empresas participadas maioritariamente por mulleres que iniciasen a súa actividade entre o 1 de xaneiro do 2005 e a data de finalización de presentación de solicitudes, que será o vindeiro 22 de outubro.Terán preferencia aquelas mulleres que se incorporan a actividade laboral despois da súa participación en proxectos de investigación avalados por unha universidade galega ou por organismos e entidades vinculados ou dependentes delas.

A finalidade destas axudas é subvencionar o establecemento da muller como empresaria, como medio axeitado para a súa integración laboral.Preténdese iniciar unha liña de apoio a aquelas iniciativas económicas que resulten de proxectos innovadores e que supoñan a apertura e consolidación de novas vías para o emprego das mulleres galegas.

Principais novidades deste programa

As axudas están dirixidas a empresas con proxectos innovadores de I+D+I, tendo preferencia aqueles avalados por universidades galegas ou entidades que dependan delas.

Nesta ocasión, as empresas non teñen que ser exclusivamente de mulleres pero si as mulleres deben ser maioría.

Ademais, as mulleres non teñen que pasar polo desemprego previamente, de xeito que poden optar á subvención as mulleres que proceden da Universidade, da inactividade ou as que melloran coa iniciativa empresarial que presentan.

Esta orde de subvencións inclúese no programa EMEGA, que nas súas tres fases contou cun orzamento total de 2.138.700 cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 80% e pola Xunta, no 20 % restante.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia