Skip to main content

Vicepresidencia investirá máis de 1.600.000 euros en asistencia social integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero

O Consello da Xunta na súa reunión autorizou a sinatura dun convenio entre a Vicepresidencia e o Ministerio de Traballo para levar a cabo actuacións que garantan o dereito das mulleres vítimas de malos tratos a unha asistencia social integral. En virtude deste convenio, que asinarán o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o ministro Jesús Caldera, investiranse 1.612.000 euros, aportados a partes iguais entre a Vicepresidencia e o Ministerio de Traballo. Os cartos do Ministerio proveñen do Fondo previsto na Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero que se reparte entre todas as Comunidades Autónomas.

O investimento máis importante, 420.000 euros irán destinados á adquisición dun local novo onde se ubicará o punto de encontro de Vigo. Neste momento xa está aberto o proceso para a compra deste local, que se fará por concurso público.

O resto desta partida económica será destinada no 2006 a mellorar a dotación das casas de acollida e vivendas tuteladas que funcionan en Galiza e a mellorar a rede de información e atención ás mulleres, é dicir, os Centros de Información e asesoramento á Muller de Lugo e A Coruña, así como os Centros de Información ás Mulleres e os novos Puntos de Información creados ao longo deste ano.

O obxecto destas actuacións, promovidas polo departamento que dirixe Anxo Quintana, é garantir unha atención multidisciplinar ás mulleres vítimas de malos tratos, que se centrará en proporcionar información, atención psicolóxica, apoio social e á formación e inserción ás vítimas, en facer un seguimento das reclamacións dos dereitos da muller e en levar a cabo actividades de formación preventiva nos valores da igualdade dirixidas ao desenvolvemento persoal e á adquisición de habilidades na resolución non violenta dos conflitos.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia