Skip to main content

Quintana anuncia a creación dunha rede de 11 centros de alzheimer nos que Vicepresidencia investirá 9 millóns de euros ata 2008

O Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou en Moaña, nun encontro con familiares de enfermos de alzhéimer, que a Vicepresidencia investirá 9 millóns de euros ata 2008 na creación dunha rede de 11 Centros para enfermos de alzheimer. A rede suporá a creación e posta en marcha dun destes centros en cada unha das sete grandes cidades galegas, aos que se sumarán os de Moaña, Ribeira, O Porriño e Monforte.

O vicepresidente explicou que o progresivo aumento dos maiores de 65 anos en relación ao conxunto da poboación galega, e a necesidade de dar apoio institucional aos coidadores informais levou á Vicepresidencia a promover esta Rede de Centros para enfermos de Alzheimer e outras demencias. Segundo dixo Quintana, a maioría destes centros que formarán a rede “xa se atopan en obras ou en proceso de acreditación”.

Segundo explicou o vicepresidente, estes centros garantirán unha atención diúrna ás persoas con estas enfermidades, e permitirán coidados específicos segundo a fase da enfermidade en que se atope cada usuario. As súas actividades abarcarán dende a estimulación preventiva para retrasar a situación de dependencia que produce o alzhéimer, ata o desenvolvemento de actividades terapéuticas e o coidado durante toda a xornada no centro ou no propio fogar, nos casos máis avanzados.

Quintana anunciou ademais que esta rede se verá complementada cun servizo de transporte adaptado, que facilitará o traslado dos maiores que o precisen e superar deste xeito as dificultades derivadas da dispersión poboacional en Galiza.

O vicepresidente aproveitou a celebración hoxe do Día Mundial do Alzhéimer para deixar claro “o noso grao de compromiso” cos afectados por estas enfermidades. Un apoio que segundo dixo Quintana a Vicepresidencia leva a cabo “coordinada coas familias e coas asociacións galegas que traballan neste eido”. Así, lembrou que na implantación da Rede de Centros a Vicepresidencia conta coa colaboración da Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (FAGAL).

Encontro con familiares

Quintana celebrou o Día Mundial do Alzhéimer en Moaña, onde compartiu un encontro con familiares de enfermos con esta doenza da zona. Na Casa da Xuventude de Moaña, o vicepresidente lembrou que o alzhéimer é a primeira causa de demencia nos países desenvolvidos. En Galiza, segundo os datos facilitados por Quintana, unhas 50.000 persoas están diagnosticadas con este padecemento e outras demencias. Ademais o vicepresidente lembrou os efectos que o alzhéimer produce nas persoas, e fixo especial fincapé nas repercusións das familias coidadoras destes enfermos, especialmente nas mulleres e fillas dos afectados que son as que asumen maioritariamente este papel “renunciando ao seu traballo, ao seu tempo de lecer e mesmo á súa propia saúde”, lembrou Quintana.

Nesta labor o vicepresidente destacou ademais o importante papel que xogan as asociacións, “punto de encontro das familias afectadas para compartir experiencias, información e procurarse apoio mutuo”, dixo Quintana.

O vicepresidente aproveitou este encontro para reiterar ademais “o noso firme propósito de mellorar a calidade de vida dos nosos maiores”, proporcionándolles os coidados que precisan, promovendo a súa autonomía persoal e na medida do posible a permanencia no seu entorno, ademais de posibilitar actuacións que apoien e reforcen os coidados das familias “como mellor xeito de garantir o benestar de todos os galegos e as galegas”.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia