Skip to main content

Pérez Touriño destaca o esforzo que está a realizar o Goberno galego na mellora da atención primaria

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que o Goberno galego está a realizar un importante esforzo para a mellora da asistencia primaria e converter a sanidade pública galega nun servizo de “maior calidade”.

Na súa intervención, durante a inauguración do centro de saúde de Monte Alto-A Torre, o titular do Goberno galego lembrou que Galicia tiña un deficit na atención primaria e, coa chegada da novas Xunta, “puxemos inxentes recursos persoais e traballamos na mellora da cualificación dos profesionais, investimos en máis e mellores recursos, tecnoloxía e novos centros co obxectivo último de mellorar a asistencia primaria aos cidadáns”. De feito, a Administración autonómica destinou á sanidade pública un terzo dos orzamentos da comunidade, o que revela o “compromiso prioritario” desta coas políticas sanitarias, sinalou Pérez Touriño.

Este ano o Executivo autonómico aumentou o orzamento para mellora da saúde nun 11,68%, o que representa o maior incremento na historia da Galicia autonómica. Así mesmo, o incremento nun terzo dos orzamentos destinado ao capítulo sanitario, traduciuse no incremento neto de 322 novas prazas de médicos de primaria fronte ás 136 do ano 2005 ou as 43 de 2004.

No seu discurso, o presidente tamén se referiu á sanidade pública como condición indispensable para o pleno desenvolvemento das persoas en todos os demais campos da actividade humana e agradeceu o esforzo da cidadanía e dos profesionais que fan posible a realización destas políticas sanitarias.

Na mesma liña tamén agradeceu a colaboración institucional tanto por parte do Deputación Provincial como do Concello . Por último, indicou que o centro de saúde inaugurado hoxe, no que se investiu case un 1,3 millóns de euros, suporá un importante cambio cualitativo na asistencia sanitaria e atención primaria da cidade, posto que beneficiará a más de 14.000 cidadáns, respondendo deste xeito ás reivindicacións dos cidadáns, asociacións e colectivos da Coruña

Durante a inauguración, o presidente da Xunta estivo acompañado pola conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, polo alcalde da Coruña, Javier Losada, e polo presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda.

Pola súa banda, a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, salientou que o novo centro de saúde de Monte Alto “é o resultado da intensa colaboración interinstitucional entre a Xunta de Galicia, o Concello e a Deputación da Coruña, que aporta unha relevante achega económica para infraestruturas sanitarias desta provincia”. Rubio Vidal tamén lembrou que a inauguración “deste novo centro de saúde de Monte Alto é unha boa mostra” do traballo feito polo Goberno galego en prol da Atención Primaria.

Segundo remarcou, “en Atención Primaria en Galicia arrastrábase un retraso histórico” e por iso foi necesario “contar con novos centros de saúde e con maior dotación tecnolóxica, con más profesionais e con mellores condicións laborais, con un horario más amplo de atención á cidadanía, e con novas e máis estendidas prestación que puideran proporcionarse”. Unhas actuacións que se viron traducidas nun aumento do orzamento, que segundo María José Rubio Vidal foi de “1.200 millóns de euros, é dicir, catro de cada dez euros do orzamento do Servizo Galego de Saúde”.

Nesta liña de mellora das condicións laborais, a conselleira de Sanidade incidiu na Oferta Pública de Emprego para a que xa están convocadas 2.270 prazas de todas as categorías profesionais. Tamén se referiu ao impulso das carreiras profesionais para médicos e profesional de enfermaría, na ampliación da dotación de profesionais a vinculados aos Puntos de Atención Continuada do novo modelo que se estendeu ao 70 por cento do territorio. Con respecto a esta última medida, Rubio Vidal salientou que “no vindeiro ano o 100 por cento do territorio galego estará cuberto polo novo modelo de urxencias extrahospitalaria”.

Ademais, María José Rubio Vidal no referido a obras e equipamentos, estableceuse un Plan de Mellora da Confortabilidade do Sistema, no que segundo a conselleira de Sanidade “previmos a construción de diferentes centros de saúde ao longo de toda Galicia, noutros casos iniciamos reformas e achegamos equipamentos, sen esquecer a dotación tecnolóxica”.

A Xunta inviste máis de 1,2 millóns de euros no novo centro de saúde de Monte Alto-A Torre

O novo centro de saúde inaugurado na Coruña polo presidente da Xunta supuxo a culminación dun proxecto iniciado no ano 2001 e precisou un investimento de 1.163.444,56 euros ao que hai que engadir un investimento en equipamento de 104.230,32 euros, sumando un total de 1.267.674,88 euros. Á inauguración acudiu tamén a conselleira de Sanidade, María José Rubio, e o alcalde da cidade herculina, Javier Losada.

As instalacións do novo centro de saúde de Monte Alto-A Torre, que se puxeron en funcionamento o pasado luns 25 de setembro, substitúen as actuais dependencias do Consultorio da Torre, da rúa San Vicente de Paul, da Coruña, e que de xeito provisorio foi trasladada a maior parte da súa actividade asistencial ao cuarto andar do Centro de saúde de San José. Esta medida foi motivada debido a que o actual Consultorio presentaba importantes deficiencias polo seu reducido tamaño (tan só dúas consultas) que imposibilitaban dar unha adecuada calidade asistencial a poboación, situación que se agravaba pola nova e máis ampla xornada laboral dos profesionais de recente incorporación que ofertan tamén unha carteira de servizos máis completa na atención primaria.

Como consecuencia da necesidade da construción dun novo centro de saúde que dera cobertura asistencial aos barrios de Monte Alto, A Torre e Orillamar, e que permitira a implantación do novo modelo de atención primaria, solicítase ao Concello da Coruña a cesión dun terreo ou local para instalar o novo Centro. Grazas a colaboración entre o Concello da Coruña, o Servizo Galego de Saúde e o Instituto Galego de Vivenda e Solo, dispúxose a cesión dos espazos que actualmente estamos a ocupar.

O novo centro de saúde Monte Alto–A Torre suporá un importante cambio cualitativo na asistencia sanitaria de atención primaria de saúde, xa que está dotado dunha infraestrutura sanitaria moderna, tanto no que se refire a técnica construtiva e materiais empregados, como aos recursos tecnolóxicos dispoñibles para o diagnóstico e tratamento clínico-asistencial e os recursos informáticos e de comunicacións.

O novo centro de saúde presta asistencia sanitaria a unha poboación de 14.013 cidadáns, dos que 13.243 son adultos e 770 rapaces en idade pediátrica, e funcionará en horario continuo de 8:00 a 21:00 horas os días laborables, e de 8.00 a 15.00 horas os sábados.

Conta cunha superficie construída de 1.431,96 metros cadrados en tres alturas que se distribúen do seguinte xeito:

Na área médica:
ß Apertura de historias clínicas como instrumento básico de traballo para os profesionais sanitarios.
ß Participación nos obxectivos asistenciais do Servizo Galego de Saúde
ß Realización de protocolos de actividades preventivas e seguimento de crónicos.
ß Axenda axeitada por profesional, dedicando un tempo máis acorde ás necesidades da consulta.
ß De forma progresiva levarase a cabo, así mesmo, neste Centro o seguimento dos pacientes a tratamento con anticoagulantes orais (sintrom), os programas de atención integral á muller, cirurxía menor, etc.

Na área de enfermaría:
ß Educación sanitaria.
ß Seguimento do paciente crónico segundo os protocolos do área.
ß Descentralización do sintrom.

Na área de xestión:
ß Contarase cunha área administrativa informatizada, onde se poden levar a cabo todos os trámites administrativos relacionados coa tarxeta sanitaria, incluída a posibilidade de obter cita tanto para atención primaria como para especializada.
ß Cita previa informatizada (cita a través de internet)
ß Xestión dos trámites de tarxeta sanitaria informatizada
ß Xestión transporte sanitario non urxente

O cadro de persoal está integrado por un total de 24 profesionais:
ß 8 médicos de familia
ß 1 pediatra
ß 7 profesionais de enfermaría
ß 1 auxiliares de enfermaría
ß 4 profesionais da función administrativa
ß 1 celador
ß 2 limpadoras

Área clínica-asistencial:
ß 5 consultas de medicina xeral
ß 3 consultas de ATS/DUE
ß 2 consultas de pediatría
ß 1 consulta de enfermaría pediátrica
ß 1 consulta polivalente
ß 1 sala de extraccións
ß 1 Sala de Traballo Social
ß 1 consulta de matrona
ß 1consulta de cirurxía menor

Área Xeral/de Administración:
ß Área de Admisión, con zona anexa de arquivo de historiais clínicos
ß Sala de Xuntas/Biblioteca/Estar

Área de Servizos Xerais e Instalacións:
ß Aseos/Vestiarios
ß Almacén
ß Oficios limpo/sucio
ß Ascensor
ß Caldeiras
ß Sistemas de Protección
ß Salas de Espera/Vestíbulos

A construción deste novo centro xunto coa reforma integral do centro de saúde San José e da Casa do Mar da Coruña e a nova construción dos centros de Matogrande, Os Mallos e Os Rosais ven completar o plan de melloras da dotación de infraestruturas de Atención Primaria da cidade da Coruña. E, desde a perspectiva asistencial, permite completar a implantación novo modelo de asistencia na cidade.

Na cidade da Coruña, a asistencia sanitaria no ámbito da atención primaria préstase en 13 centros de saúde a un total de 253.153 cidadáns, dos que 228.878 son adultos e 24.275 corresponden a poboación infantil (de 0 a 15 anos). E a atención urxente extrahospitalaria estase a realizar no Punto de Atención Continuada (PAC) da Coruña, instalado no edificio do Centro de saúde da Casa do Mar.

O cadro de persoal dos Centros de Saúde do Concello da Coruña está composto por 486 profesionais dos que 439 están en xornada ordinaria nos Centros de Saúde (182 facultativos, 155 persoal sanitario e 102 non sanitario) e 47 profesionais dedícanse á urxencia extrahospitalaria no PAC.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia