Skip to main content

Vicepresidencia porá en marcha un centro de recuperación integral para as mulleres maltratadas nas instalacións da Casa de Acollida de Santiago

A secretaría xeral de Igualdade da Vicepresidencia vai poñer en marcha na cidade de Santiago, un centro de recuperación integral para as mulleres galegas que sufran violencia de xénero. O centro situarase nas instalacións que ocupa a casa de acollida, tal e como acordaron a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, no encontro que mantiveron no concello. As actuais instalacións serían reformadas e adaptadas ao seu novo uso, en función das recomendacións técnicas dos expertos que van a comezar a estudar a viabilidade do proxecto.

Igualdade pretende que este centro preste un servizo integral moito máis completo que o que se ofrece, a día de hoxe, nas casas de acollida.Segundo a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, “este centro prestaría un servizo de atención psicolóxica e xurídica e social ás mulleres a e as súas usuarias poderán permanecer no centro sen límite de tempo, ata que se produza a súa recuperación e integración social completa na sociedade”.

Este centro de recuperación integral atenderá a todas as mulleres galegas vítimas de violencia de xénero, que sexan derivadas dende as casas de acollida ou dende os servizos sociais dos concellos. Serán os profesionais os que valoren que mulleres precisan deste tratamento integral. A apertura deste centro servirá para iniciar a posta en marcha dun sistema de intervención homoxéneo e homologado.

A posta en marcha deste centro, prevista para principios do ano 2008, é unha das medidas incluídas no anteproxecto de lei para a prevención e tratamento da violencia de xénero que está a elaborar a secretaría xeral de Igualdade.

Tanto dende a secretaría xeral de Igualdade como dende o concello valoraron de xeito moi positivo o acordo acadado , xa que a creación deste centro é unha necesidade na atención ás mulleres maltratadas.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia