Skip to main content

Emilio Pérez Touriño aborda coa vicepresidenta do Goberno cántabro asuntos de interese común entre Galicia e Cantabria

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, mantivo unha xuntanza no seu despacho de Monte Pío coa vicepresidenta do Goberno cántabro, Dolores Gorostiaga Saiz, con quen tivo ocasión de analizar asuntos de interese común para os dous gobernos.

Tras a xuntanza, Pérez Touriño destacou que a relación xubilar fai máis intensos aínda os lazos entre Galicia e Cantabria. Esta comunidade , ao igual que Galicia, conta co seu propio Ano Santo. Trátase do Ano Santo Lebaniego que se celebra na comunidade cántabra cando a festa de Santo Toribio coincide en domingo, como aconteceu este ano.

En Cantabria, residen na actualidade, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, un total de 4.310 galegos, que se atopan, tal e como explicou Gorostiaga a Touriño, “perfectamente inseridos na sociedade cántabra”. Así, institucións sobranceiras como o Centro Galego de Santander actúan como centros vertebradores da galeguidade nesta Comunidade Autónoma.

Touriño e Gorostiaga destacan a “boa relación” entre Cantabria e Galicia, con dous Gobernos que se ocupan intensamente das persoas. O presidente galego e máis a vicepresidenta de Cantabria gabaron ademais o compromiso do Goberno de España e de José Luís Rodríguez Zapatero co desenvolvemento do noroeste que “non son só palabras senón que están sendo feitos, orzamentos, obras, inversións e compromisos que se cumpren”.

Autovía do Cantábrico

Neste sentido, Gorostiaga explicou que a Autovía do Cantábrico será un “eixo vertebrador fundamental dos territorios da cornixa”, permitindo un fluxo sen precedentes de intercambios persoais, económicos e de toda índole”.

Así, ambos os mandatarios sinalaron que os Presupostos Xerais do Estado para o 2007 prevén 21 millóns de eruos co único tramo, o tramo Solares-Torrelavega, que queda por executar en Cantabria.

Visita a Galicia de Gorostiaga

A vicepresidenta do Goberno cántabro, Dolores Gorostiaga Sanz, explicou ao presidente da Xunta que ten previsto participar mesmo nunha xornada de traballo organizada polo Goberno galego para analizar o papel das Comunidades Autónomas nos 20 anos de España na Unión Europea. Gorostiaga, ademais da Vicepresidencia do Goberno cántabro, é conselleira de Relacións Institucionais e Asuntos Europeos dese Executivo.

Esta xornada de traballo, promovida pola Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, reunirá na Illa da Toxa máis de sesenta representantes da Administración Xeral do Estado e de distintos gobernos autonómicos, enmárcase dentro das actividades de conmemoración do vinte aniversario da adhesión de España á UE.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia