Skip to main content

Clausura do curso de Dobraxe · Perfeccionamento, organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE

O xoves 28 de setembro clausurouse o curso de Dobraxe en Nivel de Perfeccionamento impartido por Luis Iglesia e Marta Pinillos, organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE. Para o mesmo, recibíronse preto de 70 solicitudes de inscrición, aínda que só se ofertaban 15 prazas.

O curso, de 90 horas de duración constou de dous módulos: 80 horas de técnica de dobraxe e 10 horas de voz. O titor deste curso foi Luis Iglesia, actor con experiencia no teatro, TV e cine, e que dende o ano 1987 traballa como actor e director de dobraxe, impartindo ou participando como convidado en diversos cursos de dobraxe e locución. O obradoiro contou tamén con Marta Pinillos, logopeda e foniatra especialista en problemas de voz e as súas complicacións na fala, que impartiu o módulo de voz.

Marta Pinillos tamén puxo punto e final, o pasado martes día 26, ao curso de Voz, de 50 horas de duración, que impartiu e ao que asistiron 20 profesionais do sector audiovisual que traballan coa voz como principal ferramenta de traballo: actores, locutores, xornalistas, etc.

Coa realización destes cursos séguese a traballar no plan de formación actoral para o ano 2006, como exitosa continuación do desenvolvido no ano 2005. No marco deste plan o día 3 de outubro dará comezo un curso de iniciación á dobraxe, para o que se recibiron máis de 70 solicitudes de inscrición; e nas vindeiras semanas convocarase un curso de inglés audiovisual que se celebrará no mes de novembro, para actores e outros profesionais do sector audiovisual como produtores e axentes de ventas.

Para a organización destes cursos Consorcio e AISGE contan coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e do CMG (Centro Multimedia de Galicia).

Para o desenvolvemento deste plan de formación actoral, Consorcio e Fundación asinarán un convenio de colaboración no que se prevé o patrocinio, por ámbalas dúas partes, de tódolos cursos e obradoiros contemplados no mesmo e que serán organizados conxuntamente.

Este plan de formación actoral enmárcase dentro do Plan de Formación do Consorcio Audiovisual de Galicia, que responde a unha necesidade de formación do sector audiovisual, non cuberta polo ensino regrado, para a mellora da capacitación profesional e a incorporación inmediata dos profesionais galegos do audiovisual ao mercado laboral. Este plan consta de distintas accións formativas, como o Curso Superior de Dirección de Fotografía Cinematográfica organizado coordinadamente coa ESCAC –Escuela Superior de Cinema y Audiovisual de Catalunya-, de case 100 horas de duración, que dá comezo o luns día 2 de outubro.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia