Skip to main content

Segue aberto o prazo para solicitar axudas á protección da propiedade industrial da Consellería de Innovación e Industria

Sufragar parte dos custos derivados da protección e utilización do sistema de propiedade industrial é o obxectivo desta convocatoria da Consellería de Innovación e Industria que foi publicada no DOG do pasado 25 de maio e que mantén aberto o prazo de solicitude até o vindeiro 30 de novembro. A Consellería de Innovación e Industria executou até o momento o 25,5% do orzamento destinado a este programa (153.407 euros), atendendo un total de 165 solicitudes. Canto á distribución deste orzamento por provincias, Pontevedra recibiu polo momento o 49,1% do crédito executado; A Coruña, o 23,6%; Lugo, un 23% e Ourense, un 3,6%.

O crédito dispoñible para estas axudas ascende a 600.000 euros, o dobre que no ano 2005, e a concesión das subvencións efectúase por orde de entrada das solicitudes até esgotar o orzamento dispoñible. Os destinatarios destas axudas son as microempresas e as pequenas e medianas empresas que teñan o seu domicilio social ou algún dos seus centros produtivos en Galiza e, nalgúns casos, as grandes empresas.

Modalidades de axuda

Os conceptos que son obxecto de apoio no ámbito desta orde son a solicitude, o mantemento, a inscrición de transmisións e a análise de rexistrabilidade de títulos de propiedade industrial. As axudas teñen forma de subvención a fondo perdido e a súa contía será do 70% dos gastos subvencionables, no caso das Pemes, e do 60% dos gastos subvencionables, no caso de grandes empresas.

A concesión das axudas efectuarase respectando a orde de entrada das solicitudes e até esgotar o crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas ven xustificado polo feito de que os procedementos de obtención de protección xurídica das creacións intelectuais son, en si mesmos, procedementos de concorrencia competitiva. Así mesmo, a convocatoria deste ano dispón dun crédito notablemente superior ao da convocatoria anterior, unha realidade que debería garantir, segundo as previsións que manexa a Consellería de Innovación e Industria, a concesión da axuda á totalidade das solicitudes que se presenten.

Actividade rexistral en Galicia en 2005

A propiedade industrial é un conxunto de dereitos exclusivos que protexen tanto a actividade innovadora -manifestada en novos produtos, novos procedementos ou novos deseños industriais-, como a actividade mercantil -mediante a identificación en exclusiva de produtos ou servizos ofrecidos no mercado-. Os beneficios da protección da propiedade industrial das empresas repercuten na súa competitividade de distintas maneiras: contribúe a impedir que os competidores copien ou imiten os produtos ou servizos dunha empresa, evita investimentos antieconómicos en actividades de I+D e comercialización, axuda a negociar licencias, franquicias ou outros acordos contractuais baseados en propiedade industrial e mellorar o acceso a fontes de financiamento, crear unha identidade grazas a unha estratexia baseada en marcas rexistradas, introducirse en novos mercados, etc.

A través desta liña de axudas dedicada ao fomento da propiedade industrial, a Consellería de Innovación e Industria pretende equiparar a actividade rexistral do tecido empresarial galego coa do resto do Estado e, deste xeito, mellorar tamén as súas condicións de competitividade. En Galiza, a utilización do sistema de propiedade industrial por parte do tecido empresarial é sensiblemente inferior á media do Estado español, creándose con elo unhas condicións de competitividade desfavorables respecto a outras Comunidades Autónomas.

Así mesmo, as pequenas e medianas empresas non sempre explotan plenamente a súa capacidade innovadora e creativa por non dispor dos recursos necesarios para a xestión destes activos intanxibles. Por todo isto faise necesario dispor dunha ferramenta que fomente a protección e a utilización do sistema de propiedade industrial por estas empresas, como instrumento de mellora competitiva.

De acordo coas estatísticas de propiedade industrial do ano 2005 publicadas recentemente pola OEPM, a actividade rexistral galega, computada en número de solicitudes, incrementouse un 21,34% respecto ao ano 2004, fronte ao 4,61% de crecemento medio en España. Este dato rompe coa tendencia dos últimos cinco anos, de redución e estancamento, tanto a nivel estatal como galego.

Se observamos o ratio de número de solicitudes por millón de habitante, en Galiza pasamos de 1.043 en 2004 a 1.268, o que supón reducir a nosa desviación negativa respecto á media estatal 7 puntos, ao pasar de -29,05% a un -22,64%.

Sen dúbida, non deixan de ser os primeiros pasos dun camiño longo, que deberemos seguir percorrendo até acadar a nosa equiparación coas Comunidades Autónomas máis avanzadas en utilización do sistema de propiedade industrial.

Na primeira convocatoria destas axudas, no ano 2005, houbo un total de 353 solicitudes cunha inversión total de 823.973,05 euros. A dotación orzamentaria de dita convocatoria, 300.000 euros, só permitiu atender as 154 primeiras solicitudes, cunha inversión subvencionable de 433.333 euros. A convocatoria deste ano está dotada con 600.000 euros, co obxecto de poder atender a totalidade das solicitudes que se presenten. Até agora presentáronse 150 solicitudes de subvención e concedéronse subvencións por valor do 30% da dotación orzamentaria.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia