Skip to main content

A conselleira de Pesca comprométese coa Federación Galega de Redeiras a buscar solucións para combatir o intrusismo

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, recibiu no seu despacho de San Caetano á directiva da Federación Galega de Redeiras, a quen lle transmitiu a súa vontade e a do seu departamento de traballar conxuntamente con elas para mellorar as condicións laborais deste colectivo profesional. O intrusismo, os baixos prezos que acadan polo seu traballo e as diferencias de cualificación profesional perante Facenda foron alguns dos problemas tratados no encontro, que se prolongou ao longo de dúas horas.

Carmen Gallego comprometeuse coa nova directiva da Federación a facer xestións diante do Goberno central para homoxeneizar a cualificación profesional e tributaria das redeiras, así como a buscar fórmulas destinadas a combatir o intrusismo, un dos factores que máis condicionan o futuro laboral destas profesionais xa que dificulta en gran medida o despegue deste sector. Asimesmo, a responsable de Pesca mantivo o compromiso de construirlles instalacións para que traballen en mellores condicións do que o veñen facendo ata agora.

A conselleira tamén destacou o traballo que leva a cabo a Federación na defensa dos intereses sociais e económicos e de mellora de calidade de vida das redeiras.

Na montaxe e na reparación das artes de pesca traballan en Galicia arredor dun millar de persoas, das que o 70% son mulleres.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia