Skip to main content

Preto de 188.000 autónomos galegos se beneficiarán dos avances sociais recollidos no anteproxecto de lei do Estatuto do Traballo Autónomo

O director xeral de Promoción do Emprego, Álvaro Ansias, asistiu á Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais convocada polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, como representante da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia. Na orde do día do encontro tratouse como único tema o anteproxecto de Lei do Estatuto do Traballo Autónomo, cuxa entrada en vigor beneficiará a preto de 188.000 galegos afiliados neste momento ao Réxime de Autónomos da Seguridade Social.

O director xeral de Promoción do Emprego mostrou a súa satisfacción polo resultado da xuntanza, pois “o anteproxecto de lei acadou un alto nivel de consenso das Comunidades Autónomas e as organizacións de autónomos” e destacou que “España é o primeiro Estado da Unión Europea que elabora un Estatuto do Traballo Autónomo, o que supón un fito no noso ordenamento xurídico”.

Neste anteproxecto defínese o traballo autónomo e recóllense os dereitos e obrigas dos traballadores autónomos, o seu nivel de protección social, as relacións laborais e a política de fomento do emprego autónomo, así como a figura do traballador autónomo dependente.

O traballo autónomo veuse configurando tradicionalmente dentro dun marco de relacións xurídicas propias do dereito privado, polo que as referencias normativas atópanse dispersas ao longo de todo o ordenamento xurídico. Nese senso, cabe destacar a importancia que ten o presente Proxecto de Lei pois, trátase do primeiro exemplo de regulación sistemática e unitaria do traballo autónomo na Unión Europea.

O departamento que dirixe Ricardo Varela é consciente de que na actualidade existe un amplo colectivo que realiza un traballo profesional arriscando os seus propios recursos económicos e aportando o seu traballo persoal, e que na súa maioría o fai sen a axuda de ningún asalariado. Trátase dun colectivo que demanda un nivel de protección social semellante ao que teñen os traballadores por conta allea, por iso, a posta en marcha deste anteproxecto de lei intenta avanzar na equiparación do nivel de protección social destes dous tipos de traballadores.

Dentro do anteproxecto de lei cómpre destacar que se establecerán avances na cota de cobertura de prestacións á Seguridade Social, como por exemplo a xubilación anticipada a aqueles traballadores que desenvolvan unha actividade tóxica, perigosa ou penosa e nas mesmas condicións previstas para o Réxime Xeral, ou prestacións por cese de actividade, así como as provocadas por accidentes de traballo.

Outra das medidas que se recollen no texto están dirixidas a fomentar e promover o emprego autónomo e, en xeral, a cultura emprendedora, a reducir os custes de inicio de actividade, a impulsar a formación profesional e a favorecer o traballo autónomo mediante unha política fiscal adecuada. Nese senso, Ansias destacou que se trata de actuar en prol das políticas activas de fomento do autoemprego, polas que ven apostando a Consellería de Traballo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia