Skip to main content

Gómez Reino anima ás comunidades autónomas a dotarse dun sistema que mellore a súa participación na Unión Europea

O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Santiago Gómez-Reino, animou aos representantes das comunidades autónomas españolas a traballar en coordinación co Goberno central para dotarse dun sistema que mellore a participación autonómica nos procesos de decisión da Unión Europea.

Manifestouno na Illa da Toxa na clausura da Xornada de traballo 20 anos de España na Unión Europea, organizada pola Secretaría Xeral de Relacións Exteriores do Goberno galego e a Fundación Galicia Europa coa finalidade de realizar unha análise e un balance da participación autonómica no ámbito comunitario neste período. Esta é a primeira xuntanza destas características que se leva a cabo en España.

Gómez-Reino chamou aos membros das delegacións presentes a “perfeccionarse no traballo, no diálogo e na colaboración co Estado” para acadar unha maior e mellor participación das autonomías en Europa.

Este encontro contou coa participación de medio cento de especialistas entre representantes dos ministerios de Administracións Públicas; Asuntos Exteriores; Agricultura, Pesca e Alimentación; Sanidade e Consumo; Cultura, así como membros da Representación Permanente de España ante a Unión Europea e dos gobernos autonómicos de Madrid, Aragón, Cataluña, Valencia, Cantabria, Euskadi, Andalucía, Castela-A Mancha, Estremadura, Asturias e Navarra, ademáis de membros do Goberno galego e a directora da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos. Tamén participaron catedraticos das universidades de Santiago, Barcelona e Valencia.

Organizada en tres sesións, ao longo da xornada abordáronse os distintos aspectos da participación autonómica no ámbito da UE. Os responsables do departamento de exteriores dos Gobernos da Comunidade de Madrid, de Euskadi e de Cantabria moderaron as intervencións nestes tres bolques.

O Catedrático de Dereito Internacional Público e Catedrático Jean Monnet de Dereito da Integración Europea da USC, Jorge Pueyo Losa, deu comezo á sesión cun balance da balance xeral da participación autonómica nos asuntos Europeos nestes últimos 20 anos. Na súa opinión, neste tempo pódense identificar “dúas fases principales” da participación das Comunidades Autónomas nas institucións europeas. En primeiro lugar, a que vai dende 1986 ata 1996, cualificada como “espinosa” e chea de “baleiros e debilidades”, e a que comeza en 1996 ata o momento actual, na que se produciron avances “graduais e significantes”, aínda que manifestou que se fai necesaria unha maior coordinación e cooperación entre a Administración xeral do Estado e as autonomías nestes asuntos.

Aposta por unha maior participación

Así mesmo, asegurou que o balance destes anos é “negativo” en canto a posibilidades de participación das Comunidades Autónomas nos órganos de representación das institucións europeas. Neste sentido, avogou por afondar no desenvolvemento da dimensión externa da participación das autonomías e propón que cada comunidade estea presente cunha representacion ante as distintas instancias europeas.

Pueyo Losa tamén propón a creación dun “organismo interautonómico” que permita a coordinación e discusión de problemáticas propias e que, no seu caso, unha comunidade autónoma poda convocar ao resto para analizar un tema concreto ou de interese común.

Tamén as intervencións dos membros das Administracións reforzaron esta aposta por un incremento dos mecanismos de participación das comunidades autónomas nos órganos de decisión de la Unión Europea

O segundo relatorio, a cargo do profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Barcelona e Vocal asesor da Presidencia do Goberno español, Eduard Roig Molés, abordou a situación actual da participación autonómica nos asuntos europeos. Mentres que a terceira conferencia, pronunciada polo catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Valencia, Antonio Bar Cendón, versou sobre o traballo das rexións no ámbito do Consello de Ministros da UE dende unha visión máis práctica, achegándose ao día a día da xestión ante os organismos comunitarios.

Reflexión e proxección futura

Esta xornada de traballo enmárcase dentro das actividades de conmemoración do vinte aniversario da adhesión de España na Unión Europea e supón a realización dun balance do vivido neste complexo proceso de colaboración e coordinación dos intereses e competencias de cada un dos actores implicados na realidade europea. Esta reflexión ten que permitir unha proxección destas vivencias e experiencias de cara ao futuro, procurando como obxectivo final prestar mellor servizo aos cidadáns, no marco da actuación das Administracións públicas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia