Skip to main content

Pérez Touriño anuncia a convocatoria inmediata dos complementos económicos para impulsar a excelencia do profesorado universitario

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Goberno galego convocará con carácter inmediato os complementos económicos de excelencia e calidade da actividade docente universitaria. “Para o Goberno que presido –argumentou-, é unha prioridade establecer sistemas que permitan recoñecer a actividade, participación e excelencia do profesorado universitario tanto na docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento, como na participación na xestión das súas institucións”. Por iso, engadiu Pérez Touriño, “este recoñecemento vaise facer efectivo mediante a inmediata convocatoria dos complementos económicos de excelencia que permitirán colocar ao noso profesorado nos primeiros lugares do Estado en relación aos incentivos”.

O xefe do Executivo galego realizou este anuncio no transcurso da inauguración oficial do curso académico universitario 2006-2007, que tivo lugar na Universidade da Coruña, acto no que tamén participou a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón.

A convocatoria dos complementos económicos para o profesorado universitario farase pública con carácter inmediato, previsiblemente, o vindeiro mes. Con esta medida, á que se destinarán 2,3 millóns de euros, o Goberno galego trata de incentivar a formación do propio profesorado como unha forma de mellorar a calidade do ensino universitario.

O máximo complemento económico ao que poden optar os profesores universitarios é de 10.000 euros anuais, o que os situará entre os docentes mellor retribuídos de España. Estas retribucións pretenden, deste xeito, complementar os ingresos dos docentes universitarios, premiando non só os seus méritos senón tamén a súa formación complementaria, as publicacións que teñan realizado ou a súa asistencia a congresos nos últimos anos.

Incremento do esforzo orzamentario

Emilio Pérez Touriño tamén se referiu na súa intervención á aposta que o Goberno galego está a realizar polo ensino universitario, consciente de que a educación e a preparación dos mozos galegos é un dos principais activos do futuro da Comunidade.

De aí que o presidente da Xunta asumira o “compromiso político” de incrementar progresivamente o esforzo orzamentario dirixido ás universidades, un esforzo que, segundo lembrou Pérez Touriño, “xa iniciamos neste exercicio cun incremento orzamentario do 10%, superior ao previsto no plan de financiamento das universidades e que seguiremos desenvolvendo ata lograr o obxectivo que como Goberno nos propuxemos de acadar un gasto en universidades do 1% do PIB ao finalizar a presente lexislatura”, aseverou.

5.000 novos investigadores

Paralelamente, o xefe do Executivo galego indicou que na Comunidade o número de investigadores en relación á poboación activa (3,8 por mil) “está aínda un punto por debaixo da media no conxunto de España e moito máis lonxe dos países máis desenvolvidos ou dos obxectivos europeos establecidos no cumio de Lisboa para 2010, que falan dunha porcentaxe do 8 por mil”.

Ao seu xuízo, para avanzar cara un equilibrio entre estes índices precísase a incorporación nos vindeiros anos de 5.000 novos investigadores, “que en parte xa foron ou están sendo formados polas universidades galegas”. De aí a posta en marcha por parte da Xunta do Programa de Recursos Humanos que, segundo o presidente da Xunta, “trata de poñer remedio a esta situación e duplica as dotacións anteriores, define, por primeira vez, a carreira investigadora, e prestará especial atención a un dos puntos débiles do sistema, como é a carencia de investigadores nas empresas”.

Plan galego de I+D+i

Na mesma liña, o presidente galego aludiu á necesidade de que as universidades galegas “redobren” o seu compromiso cun desenvolvemento económico sustentado no coñecemento. Un compromiso que, ao seu entender, pasa pola implementación de estratexias e accións decididas, orientadas a propiciar a eficiencia e a produtividade nos procesos de xestión da investigación e, igualmente, na transferencia dos seus resultados á sociedade.

“E nesta dirección –engadiu- enmárcase a posta en marcha do Plan Galego de I+D, aprobado hai dúas semanas polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia, que recolle un gasto público no período 2006-2010 de 800 millóns de euros, o que supón triplicar o esforzo con respecto ao período anterior 2001-2005”. Así mesmo, lembrou que neste ano 2006 xa se produciu un incremento do orzamento de I+D+i de máis do 30% en relación co orzamento anterior.

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño tamén explicou que un dos obxectivos que persegue o Goberno que preside nesta materia é acadar que as empresas galegas, que na actualidade executan unicamente o 37% do gasto total de I+D+i de Galicia, pasen a un 50% do total. “Esta ambiciosa aposta –engadiu-, pretende situar á Comunidade galega nunha posición avanzada no contexto do sistema europeo de investigación e innovación”.

Outra das finalidades da política de I+D+i do Goberno galego, segundo sinalou Touriño, é establecer unha articulación do Sistema de Ciencia e Tecnoloxía fixando lugares de encontro entre as universidades e os axentes económicos e empresariais que permitan superar a limitación que presentan as universidades para participar nos procesos de innovación e transferencia tecnolóxica coas empresas do contorno.

Inicio dos primeiros títulos oficiais e mestrados

Por último, o máximo mandatario galego salientou que o curso universitario que agora comeza supón “un fito”, porque con el inícianse os primeiros títulos oficiais de postgrao e mestrados. Touriño explicou que este proceso comeza coa implantación dos primeiros 22 títulos de mestrado, 6 deles interuniversitarios, “froito do diálogo e colaboración entre as tres universidades e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia