Skip to main content

Fernando Salgado gaba a figura de Aurora Bernárdez e lembra que Cortázar viviu sempre nunha atmosfera galega

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado García, lembrou que Cortázar “viviu sempre nunha atmosfera galega”. Boa proba diso foron as visitas a Galicia no ano cincuenta e seis e cincuenta e sete así como a súa ”intensa” relación cos intelectuais galegos da emigración. Eles foron –segundo destacou Fernando Salgado- os seus primeiros editores.

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado García, presidiu a presentación do libro Julio Cortázar / Aurora Bernárdez: Un (re)encontro con Galicia, que se enmarca dentro das actividades do Outono Cortázar organizado pola Secretaría Xeral de Comunicación. No acto de presentación do libro do escritor estiveron presentes ademais a coordinadora do libro e comisaria da mostra sobre Cortázar, Rocío Santa Cruz e Aurora Bernárdez, viúva e legataria universal do escritor.

O libro presentado é un catálogo con fotografías, debuxos, cartas do autor e outros textos. Incorpora ademais escritos asinados polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, a escritora Premio Príncipe de Asturias, Nélida Piñón e a cordinadora da mostra, Rocío Santa Cruz. O volume recolle ademais unha entrevista realizada polo xornalista Camilo Franco ao editor e amigo de Cortázar, Francisco Porrúa. Os textos poden lerse en galego, castelán e inglés.

Fernando Salgado adiantou que xa traballan na realización dun catálogo que incorpore novo material do fondo Cortázar cedido á Xunta pola viúva do escritor. O secretario xeral de Comunicación e coordinadora da mostra gabaron o papel de Aurora Bernárdez na vida e obra do autor e agradeceron a súa donación a Galicia.

Outono Cortázar

O Outono Cortázar abrangue fundamentalmente tres actividades. Unha exposición fotográfica Ler imaxes: O arquivo fotográfico de Julio Cortázar, que onte mesmo abriu as súas portas no Pazo de Fonseca tras ser inaugurada polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

A segunda das actividades enmarcadas no Ourono Cortázar é un ciclo de cine baixo o título: Modelo para amar: Julio Cortázar e o cine, que mostrará adaptacións dos relatos de Cortázar, documentais sobre episodios da súa vida e viaxes, ademais de filmes de diversos autores inspirados na súa obra. Estes proxectaranse na sede do CGAI na Coruña así como nas Fundacións de Caixa Galicia de Santiago e Vigo.

A terceira das accións presentadas no Outono Cortázar comprende a realización dunha serie de coloquios que achegarán a Galicia a consagrados personaxes do mundo da cultura.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia