Skip to main content

Pesca, Medio Ambiente, Sindicatos e Mariscadores constitúen a Mesa de Traballo sobre a Ría de Ferrol

O director xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Francisco Fernández Cortés, e o subdirector de Augas de Galicia da Consellería de Medio Ambiente, Francisco Alonso, reuníronse este mediodía cos mariscadores ferroláns e representantes sindicais para constituir a Mesa de Traballo sobre a Ría de Ferrol tras quedar clasificado como zona “C” o principal banco marisqueiro desta localidade coruñesa, o banco de As Pías.

Na xuntanza, ademais de constituirse formalmente a mesa, o director xeral de Recursos deu a coñecer a súa proposta para a execución dun plan de traballo que ten como principal obxectivo conseguir a mellora da situación da ría ferrolá e dos seus traballadores. A devandita proposta, que Fernández Cortés que está disposto a ampliar coas ideas e iniciativas que aporten os mariscadores, céntrase en dous puntos básicos:

* Aproveitar a produción de As Pías como proveedora de semente para os bancos marisqueiros de Galicia.
* O aproveitamento da produción para a comercialización a través do desenvolvemento de novas fórmulas de comercialización, a reinstalación da produción (fóra da Ría de Ferrol) e a súa estabulación en viveiros flotantes.

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente propuxo como punto importante no plan de traballo o estudo das actuacións urxentes dende o punto de vista do saneamento das augas. Os restantes membros da mesa comprometéronse a estudar outras posibles medidas e presentalas nun prazo máximo de dez días, ante a Dirección Xeral de Recursos. Unha vez estudiadas todas as propostas comezarase coa planificación e execución das accións.

O director xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca destacou nesta xuntanza a necesidade de que todas as organizacións colaboren de xeito positivo nun fin común como é a recuperación do banco marisqueiro de As Pías.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia