Skip to main content

Touriño sinala que políticos e arquitectos deben traballar conxuntamente na procura da habitabilidade e da calidade residencial e arquitectónica

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, declarou que “políticos e arquitectos” deben traballar conxuntamente na procura da “habitabilidade” e a calidade residencial e arquitectónica. O presidente da Xunta referiuse a esta “aposta contundente” da que se desprenden “consecuencias importantísimas para a mellora da calidade de vida dos cidadáns tales como sustentabilidade, mellores servizos, e contorno urbano e aposta pola planificación”.

O máximo mandatario galego fixo estas declaracións na celebración do Día Mundial da Arquitectura en Santiago, que tivo lugar na residencia oficial en Monte Pío. Neste acto, representantes do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia deron lectura a un Manifesto no que expresan os seus principios reitores. Un dos puntos nos que incidiron na súa declaración alude á “celebración da humanidade”, punto que aplaudiu especialmente o mandatario galego.

Neste sentido Pérez Touriño, engadiu que “tamén a arquitectura é, de seu, celebración da humanidade e desa función básica, ancestral, específicamente humana, que é construír e habitar no construído”.

Apelación á responsabilidade pública

Tamén o presidente da Xunta quixo facer un chamamento na súa intervención á relevancia da responsabilidade pública no exercicio da profesión da arquitectura. Touriño recoñeceu que moitas veces os arquitectos vense sometidos a “presións de todo tipo, non poucas veces contradictorias e non sempre fáciles de solventar”. Por iso, -dixo- esa importante compoñente social únese á dimensión estética do exercicio da arquitectura, dotando ao traballo dos arquitectos dunha dimensión “forxadora de memoria individual e colectiva” e, polo tanto, de identidade cultural e territorial.

No acto de conmemoración do Día Mundial da Arquitectura tamén participaron a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride; a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero; o presidente en Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia, Carlos Almunia Díaz, e o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, entre outras personalidades.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia