Skip to main content

A Consellería de Traballo subvenciona con 224.000 euros a posta en marcha dun Master de Hostalería

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, inaugurou a primeira lección maxistral do Master de Hostalería no que participarán preto de 90 profesionais do sector e no que se impartirán dous ciclos formativos, Cociña I: coñecemento e tratamento do peixe e outro de Servizos: os viños tintos, da identidade ao servizo. Varela destacou que a posta en marcha deste master “representa un salto cualitativo na medida en que se aposta por unha formación da máis alta especialización dirixida aos expertos”.

Na súa intervención, Ricardo Varela apuntou que o sector da hostalería aporta algo máis de 2.000 millóns de euros ao total do PIB galego, e dicir, un 6%, creando uns 54.000 empregos e engadiu que “na actualidade, hai 12.827 demandantes de emprego dos cales 10.209 pertencen ao colectivo de mulleres”.

Como mostra do apoio da Consellería de Traballo a este sector dedica, entre outras accións, 224.000 euros para subvencionar o desenvolvemento do master en hostalería cara a incardinación na vangarda profesional do sector. Neste senso, apostase por unha formación de calidade tanto en relación cos docentes, importantes nomes dentro da hostalería, como polos alumnos, persoas de restaurantes e hoteis importantes de Galicia.

O conselleiro sinalou que este master “é un programa novidoso nas políticas formativas galegas e axuda á situarnos aos niveis máis punteiros de España” e avanzou que se plantexa como un proxecto formativo a cinco anos, no que participarán grandes profesionais do sector de España e que facilitará o acceso as máis modernas tendencias e coñecementos”.

Ricardo Varela asegurou que é imprescindible non perder o tren da modernidade para que o sector resulte competitivo, polo que a promoción profesional e a estabilidade non pode verse limitada pola imposibilidade de acceder a estes contido e experiencias, xa que se trata dunha programación que está atenta ás ultimas tendencias, novidades e a incorporación de nova tecnoloxías.

Os datos do master de Hostalería

Os desenvolvemento dos contidos e da programación deste master estará a cargo dun comité disciplinar dividido en tres áreas temáticas: área de Servizos: na que participará a Asociación Galega de Maitres e Tecnicos en Hostalaría, a Asociación Galega de Sumilleres e a Asociación Galega de Gobernantas. Na área de Cociña: estarán presente A.Xantares, Grupo Nove e A. Restaurantes G. Lareira, por último na área de Xestión: participará a Asociación de Empresarios da Hostalería de Galicia (CEHOSGA) e Asociación Galega de Directores de Hotel.

Nesta actividade formativa participarán recoñecidos profesionais deste sector como Óscar Caballero, Roberto Rodríguez, Dani García, Álvaro Palacios, Cristina Mantilla, Mariano García, Víctor Echeverri, Mikel Zeberio, Josep Roca ou César Cánovas.

O ciclo de Cociña I: coñecemento e tratamento do peixe do master en Hostalería está dirixido a profesionais en activo da cociña e serán impartidas por expertos recoñecidos de fama mundial nas materias a desenvolver. A duración total desta actividade formativa é de 280 horas, das cales 60 horas serán teoricas-prácticas e 220 tuteladas.

O segundo ciclo está adicado aos Servicios I: Os viños tintos: da identidade ao servizo que se desenvolverá a longo de 48 horas teórico prácticas e 132 horas tuteladas e dirixido a profesionais que traballen no eido como por exemplo, os sumilleres, xefes de sala e camareiros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia