Skip to main content

Salgado inaugura un curso de dirección de fotografía cinematográfica dentro do obxectivo do Consorcio de incrementar as accións formativas

O secretario xeral de Comunicación e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado García, inaugurou o curso superior de Dirección de fotografía cinematográfica en 35 mm., que organizan conxuntamente o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Escola de Cinematografía e Audiovisuais de Cataluña (ESCAC).

Tal e como destacou Fernando Salgado, o curso estará dedicado a formar a directores de fotografía, iluminadores, axudantes e operadores de cámara na dirección de fotografía en cine. O curso, de corte teórico práctico durará 15 días en horario intensivo, incluíndo prácticas de rodaxe con equipos de iluminación e cine tanto en platós de rodaxe como en exteriores.

Ao acto de presentación do curso asistiron ademais o director xerente do Consorcio, Nacho Varela, o vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Enrique Castelló e o director de fotorgrafía, Tomás Pladevall.

Convenio con Cataluña no eido Audiovisual

Este curso é o primeiro froito dun convenio realizado no marco do Plan de Formación do Consorcio, que forma parte das actividades previstas no plan aprobado polo seu Consello de Dirección, para dar resposta a unha necesidade de formación do sector audiovisual, non cuberta polo ensino regrado. Este convenio, redactado en galego e catalán, foi asinado ao abeiro das relacións constantes que mantén o Consorcio Audiovisual de Galicia coas institucións máis importantes de Cataluña no eido audiovisual, como Catalan Films, o CDA (Centro de Desenvolvemento Audiovisual da Generalitat de Cataluña), o ICIC (Instituto Catalán das Industrias Culturais), e neste caso a ESCAC, relacións que pretenden materializar acordos con organizacións punteiras de recoñecido prestixio.

Tal e como indicou Fernando Salgado, o Consorcio pretende deste xeito “mellorar a capacitación profesional e incorporar de forma inmediata aos profesionais galegos do audiovisual ao mercado laboral”.

O curso será impartido por varios profesores da ESCAC entre os que destaca Tomás Pladevall, que traballou en máis de 55 longametraxes como director de fotografía, ademais de Galas de entrega dos Goyas, e as Cerimonias de Inauguración e Clausura dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Barcelona 92.

A ESCAC

A Escola de Cine e Audiovisuais de Cataluña (ESCAC) é un centro docente, adscrito á Universidade de Barcelona e participado polo ICIC, onde se imparten as disciplinas necesarias para a formación dos futuros profesionais do cine e do audiovisual. A ESCAC foi clasificada como unha das mellores escolas de cine e audiovisuais do mundo, segundo as prestixiosas revistas do sector “The Hollywood Reporter” e “Premier”; e pertence ao CILECT, organización que agrupa ás principais escolas de cine e audiovisuais do mundo.

Plan de Formación do Consorcio

Noutro orde de temas, o presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, anunciou as novas accións que o Consorcio ten previsto levar a cabo “para incrementar as accións formativas ofrecendo cursos de calidade e interese para todos os profesionais do audiovisual”.

Neste sentido, Salgado destacou que, dentro do Plan de Formación, no ano 2005 se desenvolveron diferentes cursos e obradoiros destinados aos profesionais do sector audiovisual galego e a outros interesados neste eido. Basicamente este plan está orientado a catro grandes grupos de colectivos do sector audiovisual: produtores, guionistas, directores e técnicos, actores e especialistas en mercados exteriores.

Co obxectivo de darlle “maior pulo” ao Plan de Formación no pasado ano formalizáronse convenios de colaboración con distintas institucións tal e como explicou Fernando Salgado. “Pero o número de convenios asinados e entidades colaboradoras creceu considerablemente no presente ano” matizou.

Así, para este ano 2006 o Consorcio está a renovar os convenios asinados no ano 2005, pero ademais de organizar novas edicións dos cursos celebrados no pasado ano, incorporará novos programas deseñados tras o diálogo cos titores e alumnos dos cursos e co sector audiovisual en xeral.

Entre os novos cursos que o Consorcio organiza atópase unha nova edición do curso de Iniciación á Dobraxe organizado en colaboración coa Fundación AISGE que dará comezo mañá mesmo. Esta semana convocarase ademais un curso de inglés audiovisual que se celebrará no mes de novembro. A estes súmanse os xa celebrados de Voz e de Dobraxe en Nivel de Perfeccionamento.

Por último, Salgado indicou que, en colaboración coa UDC, dará comezo en novembro o Curso de Posgrao CICA (Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais), para formar axentes de ventas en contidos audiovisuais.

Programa de Bolsas

Ademais dos cursos e para a mellora da formación e a capacitación dos profesionais galegos, vintenove persoas beneficiaranse este ano do programa de bolsas para a ampliación e perfeccionamento de estudos no eido audiovisual do Consorcio Audiovisual de Galicia tal e como explicou o secretario xeral de Comunicación.

Este ano repartiranse 30.000 euros en axudas que cubrirán o importe da matrícula, así como outros gastos relacionados cos desprazamentos e estancias dos bolseiros nas cidades onde realizan a actividade formativa.

Salgado destacou que este programa de axudas “é pioneiro no ámbito de todo o Estado e consolida unha vez máis o Audiovisual galego coma unha referencia en España e internacionalmente”.

O prazo para a presentación de solicitudes rematou o 20 de xullo; recibíronse 38 solicitudes que valorou a Comisión de Selección, seguindo os criterios establecidos na resolución.

As actividades formativas que realizarán os beneficiarios desenvolveranse en centros de recoñecido prestixio como a ESCAC -; o Estudio Internacional do Actor Juan Carlos Corazza, a Pompeu Fabra, o CECC -Centro de Estudios Cinematográficos de Cataluña; a Universidade Ramón Llul; a Escola Internacional de Cine e Televisión de San Antonio de los Baños, en Cuba; a New York Film Academy; a Media Business School; o INA - Instituto Nacional do Audiovisual ou a Fundación TVI Actors Studio.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia