Skip to main content

Vicepresidencia convoca o Premio Eu Tamén Navegar: para unha Galicia sen violencia de xénero

Resaltar as actuacións dirixidas a apoiar e axudar ás mulleres que sofren violencia de xénero é o obxectivo do premio Eu tamén navegar: para unha Galicia sen violencia de xénero, que por primeira vez convoca a Vicepresidencia da Xunta. Esta distinción pretende estimular esforzos e recoñecer as traxectorias de persoas ou entidades que teñan contribuído a previr, denunciar ou combater estas situacións, desenvolvendo un labor relevante o ámbito da loita contra esta lacra social.

A este galardón honorífico poderán optar persoas maiores de idade, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas coma privadas. As candidaturas serán propostas polos membros do xurado, por iniciativa propia das persoas ou entidades ou ben a proposta de terceiros. As solicitudes remitiranse mediante instancia (DOG, venres 22 de setembro de 2006) dirixida á Secretaría Xeral da Igualdade antes do 30 de outubro de 2006.

A entrega do premio Eu tamén navegar ten lugar en novembro, tendo en conta que o día 25 dese mes se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A violencia que nas súas distintas formas se exerce contra as mulleres supón un serio atentado contra a dignidade e a integridade física, psíquica e moral destas e, en consecuencia, unha grave e intolerable violación dos dereitos humanos. Esta violencia non só destrúe vidas, senón que tamén socava o desenvolvemento e o progreso das nacións, e está claramente fundamentada nas condicións estruturais que reproducen a desigualdade entre os xéneros, de aí a importancia de iniciativas coma este premio que contribúan a concienciar á sociedade sobre este problema.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia