Skip to main content

Vicepresidencia investirá preto de 11 millóns de euros en mellorar os centros e a atención a maiores e persoas dependentes da provincia

A vicepresidencia da Xunta vai investir 10.797.236 de euros en mellorar os centros residenciais, en eliminar barreiras e na posta en marcha dunha rede de centros de día na provincia da Coruña. O secretario xeral da Vicepresidencia, Antón Losada e a delegada provincial, Tareixa Novo, presentaron na residencia Torrente Ballester da Coruña as principais liñas de acción para acadar unha maior autonomía das persoas. Estas actuacións inclúense en tres planes concretos: o Plan Integral de Mellora de Centros (P.I.M), a Rede Galega de Centros de Día e o programa Galiza sen barreiras.

P.I.M: 360 novas prazas para persoas dependentes

O Plan Integral de Mellora de Centros prevé a creación nos centros residenciais da Coruña de 360 novas prazas para persoas dependentes, 150 son de nova creación e outras 210 como resultado da adecuación de prazas para válidos en prazas para persoas dependentes.Deste xeito, o incremento no número de prazas para as persoas dependentes increméntase nun 33%.

Ademais do aumento do número de prazas, este Plan Integral de Mellora de centros pretende mellorar a habitabilidade e as condicións de seguridade dos distintos centros residenciais. O investimento para levar a cabo estas actuacións na provincia da Coruña ascende a 9.118.361 euros. Este plan, que xa está en marcha e se estenderase ata o ano 2008, conta cun investimento total en toda Galiza de 17.276.553 euros.

Na provincia da Coruña levaranse a cabo actuacións en cinco centros. Na residencia Torrente Ballester acometeranse obras de mellora da seguridade, de habitabilidade e de ampliación cun orzamento de 4.306.119 euros e un prazo de execución de 12 meses. Con estas obras, transformaranse 95 prazas para persoas válidas en prazas para asistidas. Tamén haberá obras de ampliación na residencia de Ferrol, de xeito que se converterán outras 95 prazas de válidos en prazas para persoas dependentes. O prazo de execución das obras, nas que se investirán 4205963 euros, é de 12 meses. Na residencia Porta do Camiño de Santiago vanse investir 291.816 euros, cun prazo de 8 meses para levar a cabo unha reforma integral das habitacións e en obras de adaptación á dependencia. Como consecuencia destes traballos, transformaranse 20 prazas de válidos en prazas para persoas asistidas. Na residencia de Carballo investiranse 168.513 euros en mellorar a seguridade e a habitabilidade do centro. As obras contan cun prazo de execución aproximado de 6 meses. Finalmente, na residencia da Pobra do Caramiñal realizaranse obras nun prazo de 4 meses, co fin de mellorar a seguridade e a habitabilidade, por un importe de 145.950 euros.

Nestas 5 residencias crearanse 210 prazas para persoas dependentes como resultado do proceso de execución de obras e de transformación de prazas. A estas hai que sumar as 150 prazas novas para persoas asistidas coas que contará o novo centro residencial de Volta do Castro, en Santiago,. No total de Galiza, crearanse 1.140 prazas para persoas dependentes, o que supón un incremento do número total dun 41´42%. O investimento do Plan Integral de Mellora de Centros para toda a comunidade é de 17.276.553 euros.

Obxectivos do PIM

O obxectivo do Plan de Mellora de Centros Residencias para persoas maiores da Vicepresidencia pretende deixar atrás o déficit estrutural en materia de atención ás persoas maiores en situación de dependencia. Quérese, por un lado, planificar a acción pública, é dicir, superar as intervencións parciais e fragmentadas, dando paso a unha actuación planificada e global, orientada á mellora de todos os centros de atención residencial de titularidade autonómica en Galiza, das súas instalacións e dos servizos prestados.

Metodoloxía

O Plan Integral de Mellora de Centros Residenciais para persoas maiores estrutúrase en dúas fases. A primeira foi de avaliación, xa rematada, que consistiu en inspeccionar a situación e o estado dos 15 centros de maiores de titularidade da Xunta que hai en Galicia –5 na Coruña– identificando detalladamente as deficiencias e fixando as necesidades de intervención. Por primeira vez, avaliáronse as necesidades, dun xeito integral e dende unha visión de conxunto.

A segunda fase céntrase na execución destas obras, que son fundamentalmente de mellora de condicións de seguridade, da accesibilidade, habitabilidade, de ampliación e de adaptación aos parámetros de atención á dependencia. Esta fase xa está en marcha e de aquí a finais de 2006 está previsto adxudicar todos os proxectos das obras.

A principios de 2007 iniciarase a licitación das obras nos 5 centros da provincia, que se rematarán a finais de ano nos proxectos menores e a finais do 2008 nos proxectos de maior alcance.

Novos centros de día e residencias

Antón Losada e Tareixa Novo tamén presentaron as actuacións previstas na provincia da Coruña dentro da Rede Galega de Centros de Día, na que a Vicepresidencia investirá 6.313.479 euros con actuacións nun total de 80 centros de Galiza. Na provincia da Coruña, á que se destinan un total de 1.195.213 euros, as actuacións previstas dentro do programa serán executadas por 14 concellos: Boimorto, Boiro, Cabana de Bergantiños, Mugardos, Oleiros, Santa Comba, Laxe, Cariño, Ferrol, Muros, Pontedeume, Narón, Porto do Son e Mesía. En total vanse construír na provincia 3 centros residenciais e 9 centros de día. Ademais, o plan recolle obras de reforma dunha vivenda comunitaria, doutros dous centros de día, e a ampliación dun terceiro. Tamén se prevé a dotación de equipamento en seis centros de día e unha vivenda comunitaria.

En todo o país contémplase a construción de 45 novos centros (32 deles serán centros de día, 12 miniresidencias e 1 vivenda comunitaria) cun importe de 4.564.033 euros. Ademais reformaranse 10 centros de día, 1 residencia e 1 vivenda comunitaria e ampliaranse 2 centros de día, cun importe de 1.012.175 euros. A Vicepresidencia tamén financiará con 608.052 euros o equipamento de 16 centros de día, 2 centros residenciais e 1 vivenda comunitaria. Finalmente, destinaranse 129.217 euros a adquisición de inmobles para a construción de 1 centro de día e 1 miniresidencia. Esta primeira fase da Rede Galega de Centros de Día, entraría en funcionamento, de xeito paulatino, entre finais do ano 2007 e principios do 2008.

Estas actuacións enmárcanse dentro da liña de axudas ao investimento en centros de titularidade municipal, o que pon de manifesto a cooperación co eido local. O financiamento para a adquisición, construción, ampliación ou equipamento de centros de día, centros residenciais e vivendas comunitarias, responde ás solicitudes recibidas polos concellos e outorgáronse en función da capacidade de execución de cada entidade local. Esta rede de centros xestionarase a través do Consorcio Galego de Servizos Sociais. Quérese así impulsar a corresponsabilización e a colaboración interadministrativa na aposta polo investimento social.

Segundo o secretario xeral e de Relacións Institucionais e a delegada da Vicepresidencia, do que se trata é de ampliar e fortalecer os servizos de atención diúrna como recurso preferente, favorecendo a permanencia dos maiores no entorno propio o máximo tempo posible de xeito que o ingreso residencial se manexe só como último recurso. Así, propíciase ao mesmo tempo a integración e o benestar social. O mecanismo é a construción dunha rede galega de centros de día con capacidade para prestar servizos próximos e de calidade aos galegos e galegas que están en situación de dependencia. A construción desta rede permitirá estender a ratio de cobertura dos centros residenciais e a posta en marcha doutras alternativas residenciais para maiores e persoas con discapacidade. Ademais, a planificación nesta rede contribuirá a superar as dinámicas de desequilibrios territoriais, brindando así unha atención igual para cidadáns iguais.

Sen barreiras

Por outra banda, na mesma rolda de prensa anunciáronse as accións enmarcadas no programa Galiza sen barreiras, mediante o que a Vicepresidencia pretende facer das vilas e cidades galegas un exemplo de integración e calidade de vida mediante a execución das actuacións necesarias para mellorar e igualar a calidade das persoas con algún tipo de discapacidade. Vicepresidencia inviste este ano nesta iniciativa un total de 1.544.639 euros, o que supón tres veces máis do que viña investindo ata agora o Goberno galego neste tipo de actuacións.

Catro son os obxectivos básicos de Galiza sen barreiras: dar un paso definitivo na consecución da accesibilidade para todas as persoas, cumprir estritamente a normativa de accesibilidade nos espazos e equipamentos públicos, achegar a sociedade da información aos servizos sociais de atención a colectivos e persoas con necesidades especiais e impulsar a colaboración interadminstrativa na aposta pola cohesión social. Neste senso, o programa Galiza sen barreiras serve para concienciar ás entidades locais da necesidade de realizar as actuacións precisas para facilitarlles as condicións de vida ás persoas con algún tipo de discapacidade.

O programa inclúe tres tipos de actuacións que se están levando a cabo nos concellos (ou xa executadas ou a executar no que queda de ano): a eliminación de barreiras en espazos e equipamentos públicos, o equipamento de novas tecnoloxías para os servizos sociais de titularidade municipal e a disposición de recursos e servizos específicos para as persoas con discapacidade.

Na provincia da Coruña, as accións do Galiza sen barreiras execútanse nos concellos de Arzúa, Bergondo, Carballo, Culleredo, Lousame, Rois, Abegondo, Betanzos, Ortigueira, Padrón, Cambre, Cedeira e Pontedeume e contan cun orzamento de 483.662 euros. Nestes 13 municipios, inclúense actuacións destinadas á adaptación de edificios e equipamentos públicos por valor de 367.937 euros, así como á eliminación de barreiras físicas en vías e espazos públicos por 57.725 euros e a instalación de plataformas e sistemas elevadores por un total de 58.000 euros.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia