Skip to main content

Galicia e Asturias celebran o 15 de outubro en Taramundi o Día Internacional das Mulleres Rurais

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, presentou os actos da conmemoración conxunta do Día Internacional das Mulleres Rurais, que Galiza e Asturias celebrarán os vindeiros días 14 e 15 de outubro nun encontro en Taramundi. Adán explicou que estes actos se enmarcan dentro dos acordos aos que chegaron ambas administracións no VII Cumio Galiza-Asturias -dentro da mesa sectorial de políticas de igualdade-, que tivo lugar a finais de xaneiro. Carme Adán sinalou que o goberno asturiano se encarga este ano da organización deste encontro en Taramundi, mentres que en 2007 a realización do mesmo tocaralle a Galiza.

A través desta celebración conxunta, os executivos galego e asturiano pretenden resaltar a importancia e a necesidade de contar cos mulleres nas políticas de revalorización do medio rural, nuns territorios -Galiza e Asturias- onde precisamente resulta vital o potencial do rural. Máis de 200 mulleres galegas asistirán a este encontro e elas traballan, sobre todo, nos sectores da artesanía e do turismo rural, dos que expoñerán as súas experiencias, problemas e resultados. Adán afirmou que no encontro de Taramundi se fará especial fincapé na idoneidade de diversificar as actividades que hai en marcha no eido rural co obxectivo de optimizar os recursos e as oportunidades.

A secretaria xeral engadiu que, no cumio galaico-asturiano, ambos gobernos decidiron ademais a realización dun encontro bilateral sobre violencia de xénero, cuxa organización corre este ano a cargo da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia, e o ano que vén por parte do Goberno do Principado de Asturias. Carme Adán anunciou que as xornadas técnicas deste ano terán lugar a mediados de decembro en Ribadeo e servirán para a elaboración conxunta de diferentes protocolos de actuación ante os casos de violencia de xénero en diversos eidos, como por exemplo no sanitario ou no de benestar.

Programa

Para conmemorar o Día Internacional das Mulleres Rurais -que se celebra o 15 de outubro-, Galiza e Asturias desenvolverán un encontro festivo en Taramundi durante a fin de semana do 14 e 15 de outubro. A inauguración oficial será o sábado 14 e logo, ao longo dos dous días, terán lugar unha serie de actuacións musicais e de animación, así como unha feira permanente, na que terán cabida diferentes postos de mostra dos máis diversos produtos (artesanía, alimentos, turismo rural, etc). A finalidade é que as mulleres participantes dispoñan dun espazo común para expoñer as súas experiencias e traballos ou para coñecer outras iniciativas e actividades no eido rural.

Á parte deste encontro, os actos conxuntos de conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais inclúen tamén, como explicou Carme Adán, unha xornada técnica de promoción do emprego das mulleres rurais, que servirá para analizar as políticas neste eido que se están levando a cabo nas dúas comunidades. A xornada desenvolverase o día 10 de outubro, tamén en Taramundi. Adán sinalou que a Vicepresidencia explicará alí algunhas das medidas que se están tomando en Galiza para impulsar a presenza e o peso das mulleres galegas no rural, como por exemplo, as axudas para promover a cotitularidade das explotacións agrarias ou o estudo da posta en marcha de microcréditos para axudar ás mulleres rurais a dinamizar as súas empresas e proxectos.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia