Skip to main content

O conselleiro de Economía e Facenda defende a cooperación como factor fundamental para impulsar as redes de coñecemento empresarial

A cooperación será un factor fundamental para impulsar as redes de coñecemento sobre as que se asentarán cada vez máis as economías máis avanzadas. Así o manifestou o Conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, durante a apertura da xornada sobre “Nanotecnoloxía, a revolución industrial do século XXI”, organizada polo Igape en colaboración coa Fundación da Innovación Bankinter que se desenvolveu esta tarde na sede de Feuga e incluiu intervencións de expertos como Brent Segal, fundador e directivo de Nantero Inc. USA.

O Conselleiro de Economía salientou que a Xunta de Galicia está a impulsar como palancas do desenvolvemento factores como a investigación e o desenvolvemento, a innovación, a formación, a cultura emprendedora e a internacionalización; “factores vinculados tanto coa formación do capital humano e tecnolóxico como coa dinamización do tecido produtivo”, explicou. Fernández Antonio dixo que o Igape é o enlace activo que da forma, fomenta e impulsa boa parte das políticas de promoción empresarial que conforman a estratexia de crecemento da economía galega, e adiantou que coa xornada sobre nanotecnoloxía se abre un cilco de conferencias tecnolóxicas impulsado polo Instituto.

O títular de Economía destacou a recente presentación da Fundación para a Sociedade do Coñecemento, que integra a administración, universidades e empresas galegas nun ambicioso reto de colaboración para impulsar estratexias de valor e riqueza para a economía galega, “estratexias que impulsarán a internacionalización das empresas, a captación de investimentos e o impulso da innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e a excelencia empresarial”, dixo.

A nanotecnoloxía, exemplo de cooperación

Fernández Antonio manifestou que a nanotecnoloxía é un bo exemplo dos froitos da “cooperación entre a ciencia, que nos permite coñecer e entender, e a tecnoloxía, que nos permite construir, modificar e actuar sobre o noso entorno”. A seu xuizo, a nanotecnoloxía supón a confluencia de dous mundos a miudo moi afastados: os da investigación e o desenvolvemento, o do científico e o enxeñeiro, o da ciencia e o da técnica. O conselleiro estimou ademais necesario que as técnicas desenvolvidas atopen aplicacións prácticas para que a cadea de valor se complete: “empresarios que saiban ver os beneficios das innovacións e as integrem mos procesos produtivos para que contribúan a mellorar a competitividade das empresas”, indicou.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia