Skip to main content

Touriño anuncia que o ano que ven a Xunta porá en marcha unha rede coordinada de centros integrados de formación profesional

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que as Consellerías de Educación e Traballo crearán e desenvolverán no vindeiro ano a Rede Coordinada de Centros Integrados de Formación Profesional. O presidente explicou que esta rede estará composta dun conxunto de centros de referencia no seu ámbito sectorial e/ou territorial, desenvolvendo simultaneamente accións de formación profesional tanto regrada como ocupacional e continua.

Así o adiantou o xefe do Executivo galego durante a súa visita ao IES de Hostalería Carlos Oroza na cidade de Pontevedra, visita na que estivo acompañado pola Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón.

Na súa intervención, o máximo mandatario galego tamén adiantou o compromiso do Goberno que preside coa elaboración do Segundo Plan Galego de Formación Profesional que segundo explicou se implantará en Galicia a partir do próximo ano 2007.

Segundo sinalou Pérez Touriño, este Segundo Plan de Formación Profesional permitirá aproveitar ao máximo os recursos do país para mellorar a cualificación profesional e a competitividade das empresas, permitindo adecuar esta formación ás demandas de cualificación e capacitación realizadas dende o mundo laboral.

Como debullou o titular do Goberno galego, o Segundo Plan Galego de Formación Profesional primará liñas estratéxicas nos eidos da xestión e a innovación; a cooperación dos centros de formación co tecido empresarial; a aprendizaxe permanente e o desenvolvemento tecnolóxico.

Dentro desta rede de centros o xefe do Executivo situou as instalacións que visitou esta mañá. A este respecto, indicou que o IES Carlos Oroza é un magnífico exemplo polos seus “magníficos resultados” tanto na formación dos seus alumnos como na integración laboral dos mesmos. Asemade indicou que este centro é boa mostra da aposta do Goberno galego pola calidade, a formación e a excelencia nun “pivote estratéxico” da nosa economía e a nosa sociedade como é o sector da hostalería e o turismo.

Novos centros na cidade de Pontevedra

O presidente anunciou que este centro será redistribuído, potenciado e ampliado no vindeiro ano. Así, informou que se está a negociar co Concello de Pontevedra a reubicación deste instituto na zona centro da cidade para o cal os presupostos do vindeiro ano recollerán xa unha partida de 1,5 millóns de euros. As novas instalación estarán operativas no curso 2008-2009.

O presidente da Xunta tamén adiantou que o ano que ven xa estará en construción o Novo Centro de Educación Infantil e Primaria de Campolongo o que permitirá mellorar os ratios profesorado-alumnado. Un novo colexio que estará listo para o curso 2008-2009.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia