Skip to main content

Quintana cualifica de moi satisfactoria a súa visita a Arxentina e Uruguai e destaca as liñas de traballo en igualdade e benestar

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, fixo unha valoración “moi positiva e satisfactoria” da súa recente visita institucional a Arxentina e Uruguai. Segundo sinalou Quintana nunha entrevista a Radio Líder, esta visita serviu para trasladarlles aos galegos residentes nestes países o traballo da Vicepresidencia na extensión da rede pública de servizos sociais que se está a implantar en Galiza para os galegos e galegas que residen no exterior. Ademais Quintana destacou os contactos que mantivo cos gobernos arxentino e uruguaio “para implicalos nesta tarefa”, e os encontros que tivo coas colectividades galegas nestes países, nos que “puidemos escoitar e tomar nota das súas preocupacións e demandas”.

O vicepresidente reiterou o seu convencemento de que a rede pública de servizos de igualdade e benestar que o seu departamento está a por en marcha en Galiza “ten que ter a súa extensión na diáspora”. Neste senso lembrou os primeiros pasos dados na súa recente visita a Arxentina e Uruguai, coa sinatura dun protocolo para a construción dunha residencia da terceira idade en Avellaneda (Bos Aires); o anuncio da construción dalgún centro de día na capital arxentina; a mellora de centros existentes en Uruguai e a construción doutros novos; e a creación de dúas Oficinas de Información e Recursos para as mulleres en Bos Aires e Montevideo. Estas, segundo destacou Quintana, son as primeiras pedras desta rede de servizos de igualdade e benestar que a Vicepresidencia vai facer extensiva á colectividade galega residente no exterior.

Segundo sinalou o vicepresidente, entre os galegos e galegas na emigración hai na actualidade dous polos diferenciados: dun lado, o feito de que o 75 por cento dos emigrantes galegos teñen máis de 65 anos, e doutro, unha xeración emerxente de descendentes de galegos “cun concepto novo de galeguidade” que Galiza ten que aproveitar. Quintana constatou que existe na diáspora toda unha xeración de galegos e galegas que “queren seguir sendo galegos e se senten orgullosos da súa identidade”, pero que non teñen como obxectivo vital volver a Galiza, senón seguir a formar parte dos países nos que residen. Quintana destacou o apoio do Goberno galego a este colectivo e esta forma de entender a galeguidade, e sinalou que “abre para Galiza unha oportunidade de estar presente no mundo dende outra perspectiva, unha oportunidade que temos que aproveitar”.

Críticas do PP

Preguntado polas críticas que o PP ten feito á visita do vicepresidente a Arxentina e Uruguai, Quintana dixo que ratifican que “a visita foi estupendamente ben, e a iso se debe o cabreo do PP, que pensaba que a emigración era un coto privado deles”. O vicepresidente restou deste xeito importancia ás críticas do PP galego, e lembrou que durante esta viaxe tivo decenas de actos, presididos polas bandeiras galega, española e arxentina, e polo tanto considerou “unha polémica absurda coa que o PP só intenta empañar unha visita altamente positiva”.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia