Skip to main content

Gómez-Reino asegura que a participación de Galicia na Semana Europea das Rexións e das Cidades-Open Days 2006 foi un éxito

O secretario xeral de Relacións Exteriores e director da Fundación Galicia Europa, Santiago Gómez-Reino asegurou en Bruxelas que a participación de Galicia na Semana Europea das Rexións e das Cidades-Open Days 2006 foi “un éxito” e serviu para dar “maior visibilidade e máis prestixio” á comunidade na UE. Fíxoo en rolda de prensa xunto á directora da Fundación en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa.

Neste sentido, declarou que o liderato de Galicia sobre once rexións europeas para a organización dos seminarios Solucións Innovadoras en favor da competitividade rexional que se celebraron estes días na capital belga e o luns pasado en Vigo, “contribuíu a crear unha rede que seguirá funcionando para “abrir oportunidades de negocio e de intercambio de estratexias e tecnoloxía entre todos nós”. “Estes días abríronse posibilidades e fiestras para a colaboración entre organismos públicos, privados, centros tecnolóxicos e universidades de diversas rexións con Galicia”, remarcou.

Segundo indicou Gómez-Reino este evento “foi unha ocasión magnífica para transmitir ao resto de Europa a experiencia galega”, concretamente a do Clúster da Automoción de Galicia, á que cualificou como “novedosa e importante” para o país, posto que crea unha mentalidade de cooperación empresarial dentro dun sector que lles reporta moitos beneficios, tanto a nivel interno como externo.

Interese da Comisión Europea

O secretario xeral de Relacións Exteriores avanzou, neste contexto, que a Comisión Europea amosou un grande interese por esta iniciativa galega e a dirección xeral de empresas xa ten formalizado a súa invitación para futuras xuntanzas que trasladen o seu caso a outras rexións. Do mesmo xeito, amosouse confiado en que algún dos 40 proxectos de innovación no eido tecnolóxico incluídos no novo Plan Estratéxico obteña financiamento dos fondos comunitarios para o seu desenvolvemento.

Exemplo de traballo ben feito

“Temos que concluír de todo isto –dixo o director da Fundación Galicia Europa- que en Galicia se fan moitas cousas dun valor intrínseco considerable. Quizá non somos conscientes diso ou non sabemos vendelos, pero para iso serviron estes Open Days 2006”. Nesta liña, destacou que este caso ten que servir de exemplo a outros clústers importantes en Galicia como poden ser o da madeira ou o da acuicultura.

Por outra banda, tamén fixo referencia á participación do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) na iniciativa Café de Inversores, no marco dos Open Days 2006, “o que lles permitiu establecer e estreitar contactos con outras axencias de desenvolvemento rexional doutras rexións europeas”. “Isto é o que temos que facer –remarcou- non esperar a que alguén veña alí, senón saír para amosar o que somos capaces de facer e poñelo en valor”.

Open Days 2006

A Semana Europea das Rexións e das Cidades -Open Days son o principal acontecemento anual no calendario da política rexional da Unión Europea, organizado en Bruxelas polo Comité das Rexións (CdR) en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea. Este ano, participan máis de 130 rexións e cidades de toda Europa, organizacións do sector público e privado e institucións financeiras. As actividades estiveron a desenvolverse en Bruxelas dende o pasado luns ata hoxe mesmo, 12 outubro. Neste contexto, celébranse preto de 70 sesións, seminarios e grupos de traballo para arredor de 3.000 expertos en desenvolvemento rexional tanto en Bruxelas como noutras cidades europeas para analizar medidas e políticas que melloren a competitividade rexional.

Este é o cuarto ano que se celebra o encontro dos Open Days e, segundo os seus organizadores, neste tempo tense convertido no “encontro anual dos pobos e das rexións europeas”. Esta edición dos Open Days céntrase no tema dos investimentos públicos e privadas a prol do crecemento e o emprego nas distintas rexións e cidades europeas. Nas xuntanzas participan tanto políticos locais e rexionais como membros do Comité das Rexións, deputados do Parlamento Europeo, membros do Comité económico e social europeo, representantes de asociacións europeas e nacionais de colectividades locais e rexionais, mandatarios de federacións europeas e nacionais do mundo económico, sociedades públicas, delegados do sector bancario e funcionarios de administracións e institucións rexionais e locais.

A presente edición desenvólvense baixo o lema Investir nas rexións e cidades de Europa: socios públicos e privados para o crecemento e o emprego. A iniciativa ten lugar nun momento no que a UE prepara o lanzamento dun novo paquete de instrumentos no ámbito da política de cohesión con especial incidencia nos temas referidos á I+D+i, e pretende achegar a Administracións, empresas e universidades a ocasión de traballar xuntas e descubrir novas oportunidades de investimento e financiamento.

Das numerosas propostas presentadas para este ano, a secretaría xeral do Comité das Rexións seleccionou a proposta presentada pola Fundación Galicia Europa e a secretaría xeral de Relacións Exteriores da Xunta. O proxecto impulsado por Galicia involucra un consorcio formado por varias rexións europeas procedentes de 6 Estados membros no que figuran Bretaña, Países de Loira e Poitou-Charentes, de Francia; Cantabria e Estremadura, por parte de España; Kujawsko-Pomorskie e Rexión de Lodz, de Polonia; Noroeste de Inglaterra, Estiria, de Austria; e Pannoia Occidental, de Hungría.

Tamén no contexto deste encontro anual ten lugar este ano, por primeira vez, o Café de Inversores, unha feira que contén casetas de cada unha das cidades e rexións participantes nos Open Days co obxectivo de promover as súas potencialidades de investimento e negocio. Galicia está representada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Fundación Galicia Europa

O secretario de Relacións Exteriores e director da Fundación Galicia Europa (FGE) tamén asegurou que se está a potenciar o traballo desta institución e xa se comezou coa implantación do novo plan estratéxico, incrementando, de xeito prioritario, a implicación dos outros patróns na xestión, para que non só responda aos intereses da Administración autonómica senón tamén ao resto das entidades que a conforman. Neste marco, comunicou a celebración, o vindeiro día 3, dunha xuntanza en Porto a invitación de Caixanova onde se definirán algunhas das liñas de actuación para os vindeiros meses.

A Fundación Galicia Europa está a incrementar o servizo de asesoramento aos actores galegos interesados en desenvolver proxectos no marco de programas europeos, contribuíndo a definir o elemento innovador das súas ideas e á introdución de mellores prácticas, asegurando, ao mesmo tempo, o establecemento de lazos de colaboración con outras rexións europeas involucradas no desenvolvemento de estratexias innovadoras. Neste contexto, a FGE prestará unha atención especial ao tecido produtivo galego.

Dentro desta liña de asesoramento para a preparación de proxectos europeos, os técnicos da Fundación Galicia Europa traballarán para fomentar o traballo en rede en Galicia entre os potenciais interesados nun mesmo proxecto europeo e facilitarán o intercambio de experiencias con outros xestores de proxectos europeos en Galicia.

Así mesmo, contribuirán á busca de socios europeos ou de terceiros países para a presentación dunha proposta de proxecto liderado por un socio galego e á difusión entre os interesados en Galicia das propostas de proxectos procedentes do exterior. Por outra banda, a Fundación Galicia Europa márcase como obxectivo asegurar o contacto cos xestores de programas europeos na Comisión Europea e actuar como socio en proxectos europeos con participación de entidades galegas.

Segundo se recolle no Plan estratéxico que vén de aprobar o padroado hai uns meses, a Fundación Galicia Europa tamén actuará para impulsar a participación dos sectores produtivos galegos máis importantes en diferentes foros comunitarios e a facilitar a prestación de asesoramento por parte dos mesmos ás instancias europeas. En concreto, isto podería traducirse nas seguintes actuacións: fomentar a presenza do sector privado galego nos comités consultivos da UE; conseguir o selo de calidade europeo para centros galegos de diferente índole e promover unha maior participación galega nas licitacións europeas

Outra das novas que subliñou Gómez-Reino é a incorporación de persoal experto das consellerías de Economía e Facenda, Educación, Pesca e Medio Rural ao equipo da Fundación para mellorar e facilitar o traballo destes departamentos autonómicos nos asuntos comunitarios.

Participación autonómica ante a UE

Ademais da súa participación nos eventos dos Open Days 2006, o secretario xeral de Relacións Exteriores participou estes días na septuaxésimo sexta xuntanza do Comité das Rexións e nunha xuntanza na Representación Permanente de España ante a Unión Europea convocada polo representante permanente Carlos Bastarreche, con todas as oficinas das comunidades autónomas en Bruxelas e a secretaria de Estado para as comunidades Autónomas, Ana Leiva, e o secretario de Estado para Asuntos Europeos, Alberto Navarro.

Segundo indicou, esta xuntanza foi de especial relevancia posto que alí se abordaron temas relativo á participación das Comunidades Autónomas no temas europeos e sobre o sistema de interlocución que existe entre os territorios e o Estado neste eido, que se modificará coa aprobación dos novos Estatutos de Autonomía, que incluirán, por vez primeira, capítulos sobre as relacións exteriores das Comunidades Autónomas.

Neste sentido, asegurou que “se está a chegar a un punto de inflexión nas relacións co Estado en asuntos de Acción Exterior “ e felicítase porque comece o debate arredor deste asunto, posto que as Comunidades Autónomas están a traballar para que se “melloren os mecanismos de participación” en temas comunitarios.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia